Chocolatada gratuíta e música para inaugurar as luces de Nadal no Pazo provincial

Pontevedra
26 de novembro 2024

O acto, aberto á cidadanía, está previsto para este venres 29 de novembro ás 19.00 horas coa actuación musical de Ailá

Iluminación de Nadal nos edificios da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

O Pazo provincial, situado na avenida de Montero Ríos, presentará o acendido da súa iluminación de Nadal cun acto aberto ao público

Este venres 29 de novembro, ás 19:00 horas, terá lugar a inauguración da decoración e iluminación de Nadal no Pazo provincial en Pontevedra.

O acto, aberto a toda a cidadanía, contará coa actuación musical de Ailá, un grupo que aposta pola música tradicional galega desde unha perspectiva moderna.

Ademais, a programación inclúe unha chocolatada para todas as persoas asistentes.

A decoración deste ano aposta polas tradicións galegas baixo o lema 'O noso Nadal'.

Está prevista unha gran árbore adornada con elementos como zocos, pandeiretas e cestería, todo sobre unha base natural e cunha estrutura de madeira de dous metros de diámetro.

As instalacións contarán con 250.000 luces eficientes que iluminarán o Pazo provincial durante as festas.

O evento enmárcase dentro dunha programación especial de Nadal que tamén incluirá actividades para familias no Museo de Pontevedra e no Castelo de Soutomaior.