Cespa seguirá facéndose cargo da recollida de lixo e a limpeza viaria de Pontevedra durante os próximos tres anos. Así o aprobará unha próxima Xunta de Goberno local tras recibir os informes dos servizos técnicos que avalan esta nova prórroga. ÿ o tempo estimado para que estea en funcionamento a nova planta de compostaxe que impulsan Concello e Deputación e que obrigará a redactar un novo contrato.
A concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, explicou que o actual contrato con Cespa recolle a posibilidade de que se establezan prórrogas de seis anos por un periodo máximo de 50 anos, pero os técnicos municipais non ven inconvinte para que sexan ampliacións de tan só tres anos. As circunstancias actuais, dixo a edil, aconsella que esta nova prórroga sexa por este periodo de tempo.
Varios estudos encargados polo Concello de Pontevedra, segundo Carme da Silva, indican que un contrato coas mesmas prestacións e servizos que o actual supoñería un canon adicional a pagar á empresa adxudicataria dun mínimo de dous millóns de euros. Iso é debido, entre outras cuestións, ao aumento do prezo do gasoil e o transporte ou ao crecemento da cidade. Por iso, sinalou que por "interese económico" o mellor é ampliar o contrato actual.
Pero un "elemento determinante" para esta decisión foi ese acordo asinado para a posta en marcha dunha planta de compostaxe. "Nese proceso levamos traballando moito tempo", explicou a concelleira, quen avanzou que este protocolo a "vai modificar substancialmente o servizo e as prestacións que ofrece actualmente a empresa", polo que será necesario un novo contrato e, polo tanto, un novo proceso de adxudicación.
Dito contrato deberá recoller un novo sistema de colectores, cambios nos puntos de recollida, unha aposta decidida pola educación ambiental e, entre outras cuestións, a incorporación de novas obrigacións contractuais por parte da empresa adxudicataria. Entre elas destaca a limpeza do edificio de Michelena 30 e outras dependencias municipais que non están incluídas no contrato actual, ao ser posteriores á súa última renovación.
As responsabilidades de Cespa, que retira anualmente unhas 30.000 toneladas de refugallos, seguirán sendo as mesmas con respecto ás súas tarefas actuais de recolida de lixo, recollida selectiva, limpeza viaria ou limpeza de edificios municipais, así como os operativos especiais que se poñen en marcha con motivos de eventos puntuais como probas deportivas, concertos ou festas. Por todo iso, seguirá recibindo a mesma asignación, case 6 millóns de euros anuais.
O PP RECELA DESTA PRÿRROGA
Moreira: "Non sei que escusa se pode dar agora porque está claro que ao Concello de Pontevedra non lle interesa a limpeza dos comedores"
O voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, móstrase cauto á hora de valorar esta prórroga á espera de coñecer os detalles do contrato, pero, tras ter constancia de que se asinou para os mesmos servizos que ata agora, quixo lamentar que o goberno local non aproveitase que se renova o documento para incluír neste a limpeza dos comedores escolares que se encontran fóra do recinto escolar, como é o caso do CEIP Álvarez Limeses, no que os pais manifestaron as súas críticas pola falta de limpeza das instalacións.
"Non sei que escusa se pode dar agora porque está claro que ao Concello de Pontevedra non lle interesa a limpeza dos comedores. Tiñan a oportunidade clara de incluír esta prestación no contrato e moitas máis prestacións", valorou, pois, na súa opinión, "o que vexo é un total desprezo a estas peticións dos pais".
Moreira tamén lanzou unha dúbida sobre a idoneidade desta prórroga cos antecedentes da operación Patos, na que está a ser investigada a empresa Cespa. Na súa opinión, "trátándose desta empresa, co que pasou e cos requerimentos xudiciais que houbo nos últimos tempos ao mellor o Goberno ten que dar explicacións nalgún foro sobre esta prórroga".