Cerdedo-Cotobade pide a Medio Rural habilitar un cordón de seguridade fronte aos incendios

Cerdedo-Cotobade
02 de xuño 2018

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de remitir un oficio á Consellería de Medio Rural para que proceda á inmediata apertura dunha pista forestal que bordea a aldea de Parada de Tenorio para que pase a ser un cordón de protección e seguridade de grandes dimensións ante os lumes forestais 

Plano do proxecto de creación dun cordón de protección para os lumes forestais en Parada de Tenorio
Plano do proxecto de creación dun cordón de protección para os lumes forestais en Parada de Tenorio

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de remitir un oficio á Consellería de Medio Rural para que proceda á inmediata apertura dunha pista forestal que bordea a aldea de Parada de Tenorio para que pase a ser un cordón de protección e seguridade de grandes dimensións ante os lumes forestais. 

Segundo deu a coñecer o Concello, trátase dun vial inutilizado pertencente ao espazo de Coto de Rodelas e bordea case por completo a esta poboada aldea desde o río Lérez, polo que podería exercer á perfección de cordón de protección para as casas e o lugar. 

 O obxectivo do Concello é que a pista quede transitable e libre de maleza nunha anchura considerable para que exerza de barreira e cortalumes e impida que un posible incendio poida chegar de novo ata as vivendas de Parada de Tenorio, un lugar que leva moitos anos consecutivos afectado polos incendios e no que incluso houbo que evacuar as vivendas durante a vaga de outubro de 2017.

O presidente municipal, Jorge Cubela, quere promover a creación deste cordón de protección e seguridade de grandes dimensións ante os lumes "xa que non queremos baixo ningún concepto que se repitan os danos do ano 2016 e, en menor medida, do 2017".

"O único que nos move é protexer as vidas dos nosos veciños, as vivendas e as aldeas, os montes e o noso rico medio ambiente", explicou Cubela, que engade que o emprazamento desta pista forestal é moi axeitado para conter as lapas, xa que as mesmas adoitan a chegar sempre ata Parada de Tenorio desde o lugar de Gargallóns, na parroquia de Fragas (Campo Lameiro), pola configuración orográfica do terreo e os ventos.

Este cordón de seguridade é unha máis das moitas medidas que ten en marcha o concello. O goberno local ten un amplo e recente estudo de todo o territorio, con mapas concretos das franxas de protección de todos os lugares, algo que permite plantexar solucións antilumes deseñadas individualmente para cada aldea ou contorna.

Arquivado en