CCOO reitera que o Parque de Maquinaria está "abandonado" e pide "sensatez" á Deputación

Pontevedra
28 de xullo 2016

O parque de maquinaria da deputación provincial, segundo Comisións Obreiras, está nun estado de "total abandono" e todos os seus vehículos "estanse oxidando" por falta de uso. É a mostra, tal e como volveu a denunciar o portavoz do sindicato, José Ramón Piñeiro, de que o novo goberno provincial "pasa deste servizo" mentres contrata a empresas privadas para facer o seu labor

Protesta dos traballadores do parque de maquinaria
Protesta dos traballadores do parque de maquinaria / Mónica Patxot

O parque de maquinaria da deputación provincial, segundo Comisións Obreiras, está nun estado de "total abandono" e todos os seus vehículos "estanse oxidando" por falta de uso. É a mostra, tal e como volveu a denunciar o portavoz do sindicato, José Ramón Piñeiro, de que o novo goberno provincial "pasa deste servizo" mentres contrata a empresas privadas para facer o seu labor.

En rolda de prensa, Piñeiro lamentou que os traballadores non ven posible a apertura dun diálogo co goberno bipartito para resolver este conflito a pesar de que "intentámolo en máis dunha ocasión" con propostas "concretas" para mellorar a operatividade do servizo.

Pero, segundo CCOO, a Deputación "prefire pagar catro veces máis" a unha empresa externa a que o mantemento das estradas provinciais o fagan os seus propios traballadores, quen ademais están "cada vez máis nerviosos" ante a data de caducidade da concesión para ocupar as súas actuais instalacións da Xunqueira de Alba, que termina en xaneiro de 2018 "e non se están a buscar alternativas".

O sindicato asegura que o goberno provincial segue coa súa estratexia de "criminalizar" a uns traballadores do parque de maquinaria "que son mileuristas" e reclaman tamén que se renove a frota de vehículos deste servizo.

Os traballadores reclaman "sensatez e cordura" aos responsables provinciais para que se teñan en conta as propostas que presentaron para organizar este servizo, de forma que "non teñamos que perder centos de horas nas estradas", só para empezar a traballar.

NOVAS MOBILIZACIÓNS

Ademais, os traballadores aprobaron un novo calendario de mobilizacións. Así, decidiron acudir a todas as grandes festas que se celebren na provincia para colgar carteis reivindicativos e repartir folletos sobre a súa problemática laboral. Nos próximos días estarán nas festas de Santa Marta (Ponche Arnelas), no Carneiro ao Espeto de Moraña ou na Festa do Albariño de Cambados.

O sábado 30 de xullo protagonizarán unha manifestación que sairá do Pazo Provincial ás dez e media da mañá e, previo paso pola estación de tren de Pontevedra, acabará na Praza do Obradoiro de Santiago. Tamén están a preparar un gran acto de protesta en Vigo.

Arquivado en