Catorce recursos de casación interpuxéronse diante do Tribunal Supremo por parte dos comités de empresa, a dirección de Ence, empresas auxiliares, entidades do Porto de Marín, a Autoridade Portuaria e tres empresas do sector forestal contra as dúas primeiras sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy en 2016 á entidade pasteira para permanecer en Lourizán.
Queda tamén a terceira sentenza contraria a esa prórroga, presentada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), cuxo prazo para a presentación de recursos péchase o 1 de decembro e tamén está previsto que tanto a empresa como os comités presenten recurso de casación, do mesmo xeito que outros axentes empresariais.
Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais de Ence, e José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras en Pontevedra, mostraban o seu malestar ante o calendario de desmantelamento presentado polo Goberno central para a fábrica cando a sentenza aínda non é firme. "Es una irresponsabilidad" afirmaba Cedeira mentres Pedrosa cualificaba esta acción como unha "auténtica aberración. Se pasan tres pueblos".
Nesta mesma liña, Ana Cedeira indicou que a última mesa de diálogo sobre Ence centrouse unicamente no traslado e non se estudaron propostas de futuro alegando que Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente, desautorizou o informe do Consello Consultivo solicitado pola Xunta antes de que se fixese público. E alertou de que parte do comité de empresa da fábrica ofreceulle "colaboración activa" nas súas formulacións sobre o traslado.
Ante esta situación, desde Comisións Obreiras piden a recusación de Hugo Morán ao considerar que non é un interlocutor válido. Entenden que o representante gobernamental pode estar a impulsar un traslado da fábrica de Pontevedra para pechala finalmente e que se amplíe a factoría de Ence en Navia. Unha acción que consideran un "prexuízo para Galicia e un beneficio para Asturias", lembrando que Morán é natural da parroquia asturiana de Campomanes.
José Luis García Pedrosa: "Non nos sirve que Ence se quede en Galicia, só en Lourizán"
Cedeira anunciou que enviarán un escrito á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, solicitando que sexa directamente ela quen participe nestas negociacións. Ademais, demandan que o Ministerio solicite un informe do Consello de Estado sobre a adscrición dos terreos que ocupa Ence ao Porto de Marín. "Non nos vale outro informe que se realice baixo os intereses do Goberno", sinalaba a representante sindical.
José Luis García Pedrosa cualificou de "auténtica extorsión" ao entender que se está utilizando toda a forza do Estado por parte do Ministerio e do Concello de Pontevedra para trasladar Ence e destruír emprego sen presentar unha alternativa concreta.
Tamén se referiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao non coincidir coas declaracións que efectuou tras o encontro con Teresa Ribera. "Non nos sirve que Ence se quede en Galicia, só en Lourizán", aseverou o secretario de organización de Comisións Obreiras en Pontevedra.
Anunciou que continuarán con pequenos actos de protesta pero que aprazan ata o 2022 a gran manifestación que están a organizar ao atender á posibilidade de que o Tribunal Supremo non se pronuncie sobre a admisión dos recursos ata o próximo mes de xullo. "Facer unha mobilización nestas datas sería un pouco precipitada", engadiu.
ARGUMENTOS DE PESO
O representante de Comisións Obreiras anunciou que están convencidos de que hai "materia suficiente" nos recursos de casación presentados para que haxa unha sentenza do Tribunal Supremo que revogue a sentenza da Audiencia Nacional. "Hai argumentos de peso", apunta García Pedrosa, que polo momento evitan desvelar porque "non queremos colaborar con quen ten unha posición contraria".
Si recoñeceu que se trata tanto de cuestións de forma como de fondo e que xa foron presentadas ante a Audiencia Nacional e explicou que hai avogados, defensores dos recursos, que entenden que a interpretación dos maxistrados deste tribunal realizada sobre a Lei de Costas non é correcta.