CCOO convocará novas protestas para forzar a adscrición dos terreos de ENCE ao Porto de Marín

Pontevedra
14 de decembro 2021

Este martes, a secretaria xeral estatal da FSC-CCOO, Juana Olmedo, e a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, visitaban con Ana Cedeira, a fábrica pasteira en Lourizán. Desde este sindicato manifestan que a situación actual da factoría é "unha cuestión política" e reclaman ás administracións que se comprometan para defender os postos de traballo

Juana Olmedo, Ana Cedeira e Amelia Pérez, de CCOO, na entrada da factoría de Ence en Lourizán
Juana Olmedo, Ana Cedeira e Amelia Pérez, de CCOO, na entrada da factoría de Ence en Lourizán / PontevedraViva

Comisiones Obreras ten previsto iniciar unha nova fase de mobilizacións con dous obxectivos: forzar a adscrición dos terreos que ocupa a fábrica de Ence en Lourizán ao Porto de Marín e tamén solidarizarse co traballador da pasteira ao que Fiscalía solicita un ano de prisióndespois de golpear o vehículo do alcalde de Pontevedra tras un peche no  Concello da capital.

Así o manifestaba Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais, este martes durante a visita que realizaba á industria con Juana Olmedo, secretaria xeral estatal da FSC-CCOO e coa Amelia Pérez, secretaria xeral do S N. de CCOO. Durante esta visita mantiveron un encontro con delegados do sindicato tanto da fábrica, como de oficinas centrais, empresas auxiliares, sector forestal e porto de Marín.

Amelia Pérez manifestou que o sindicato se manterá a carón do persoal para defender o emprego nesta fábrica e na comarca, asegurando que Galicia non pode perder unha industria máis ante o desmantelamento actual que sofre a comunidade. 

A secretaria  xeral de S.N de CCOO afirma que se trata dunha "cuestión política" e recoñeceu que están "fartos dos peloteos entre as administracións", que non ofrecen un compromiso serio para que a fábrica permaneza en Lourizán. Insistiu en que cinco mil familias dependen de forma directa ou indirecta da factoría e por iso reclaman un compromiso político para a defensa dos postos de traballo.

Pola súa banda, Juana Olmedo expuxo que Ence é unha empresa que exporta e que permite que o PIB suba cun movemento económico importante. Por este motivo, confirmou que seguirán apoiando ao persoal no que sexa necesario para evitar que as familias pasen a unha "situación de precariedade".

Sobre a posibilidade de iniciar algunha proposta concreta apuntou que "estamos abertos a calquera idea e vendo que alternativas hai a nivel ocupacional e legal. É evidente que hai unha sentenza e veremos como se desenvolve todo o procedemento", explicou a representante da Federación de Servizos á Cidadanía de Comisiones Obreras.

Arquivado en