CC.OO. denuncia que as máquinas de limpeza das praias da Deputación están paradas

Pontevedra
14 de xullo 2016

O sindicato levará a cabo unha manifestación ata a Praza do Obradoiro o 30 de xullo dende a estación de trens de Santiago. José Ramón Piñeiro insiste en que o goberno provincial quere privatizar o servizo

Marcha a pé entre Pontevedra e Vigo dos traballadores do Parque de Maquinaria
Marcha a pé entre Pontevedra e Vigo dos traballadores do Parque de Maquinaria / PontevedraViva

O sindicato Comisións Obreiras mantén o seu enfrontamento co goberno da Deputación no conflito do Parque de Maquinaria. Seguen denunciando que as máquinas se atopan paradas nas instalacións das marismas de Alba.

Neste sentido, José Ramón Piñeiro, responsable de CC.OO. na Deputación, sinala que non se utiliza a planta de aglomerado para reparar as estradas nin tampouco as máquinas de limpeza das praias, a pesar das queixas de diferentes alcaldes, que reclaman da entidade provincial a limpeza dos areais. Apunta a que esta situación débese á falta de xestión por parte dos deputados encargados deste servizo e que iso forma parte do goberno do BNG e do PSOE na institución, aos que acusa de querer privatizar as intervencións que realiza este departamento.

Ante esta situación continuarán coas súas protestas. O 30 de xullo teñen previsto iniciar unha marcha que lles levará desde Montero Ríos ata a estación de trens. Alí realizarán en tren a viaxe ata Santiago e unha vez na capital galega manifestaranse ata chegar á Praza do Obradoiro.

Tamén acudirán ás festas en distintos concellos da provincia como San Breixo en Barro, a festa viquinga de Catoira ou na do Albariño de Cambados nas que repartiran folletos reivindicativos e colgarán carteis. 

Arquivado en