O Boletín Oficial do Estado publicou o anuncio da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia co levantamento de actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados polo segundo modificado que sofre o proxecto de construción do tramo Vilaboa – A Ermida, da autovía A-57, a coñecida como circunvalación de Pontevedra.
Carreteras estima que o custo destas expropiacións alcanzará os 1,4 millóns de euros.
Os titulares das parcelas afectadas por esta expropiación forzosa están citados a partir do 20 de xaneiro no Pazo da Cultura, para os 143 propietarios afectados en Pontevedra e a partir do luns 25 de xaneiro no Local Social de Figueirido para os 329 titulares doutras tantas parcelas.
O BOE publica a documentación sobre o proxecto e as parcelas afectadas, que tamén está exposta no taboleiro de anuncios dos Concellos de Pontevedra e Vilaboa, así como na unidade de Carreteras do Estado en Pontevedra, na rúa San Roque.
Os afectados serán citados de maneira individualizada
Son varios os motivos que xustifican esta segunda modificación do proxecto, entre outros: garantir a subministración de auga ao polígono do Campiño, afianzar algúns noiros, un vadeo provisional do río Pintos, mellorar a ligazón coa AP-9 e a estrada N-550, e a máis importante, a remodelación do enlace de Vilaboa diante das indicacións de Patrimonio da Xunta para minimizar as afeccións ao Camiño de Santiago así como a zona do castro de Farexa.