A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno provincial a Liña Extraordinaria de Axudas aos Concellos, Entidades Locais e Mancomunidades para Actuacións de Emerxencia diante da Seca, un plan dotado con 3 millóns de euros a través dunha modificación de crédito aprobada no Pleno celebrado hoxe.
O plan terá efectos retroactivos ao cubrir as actuacións realizadas entre o pasado 1 de agosto e o próximo 31 de outubro.
En rolda de prensa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente, César Mosquera, destacou que este plan converte á administración provincial na que "dedica máis recursos en toda Galicia, máis mesmo que a Xunta, a facer fronte á seca deste verán".
Os fondos extraordinarios provinciais chegarán aos concellos de menos de 20.000 habitantes para atallar os problemas da seca, e tamén serán para as mancomunidades e as entidades locais, "porque tamén subministran auga a moitos núcleos rurais da nosa provincia".
Carmela Silva destacou a axilidade da Deputación en aprobar esta liña de axudas "non se pode pedir máis eficacia e máis eficiencia". Tamén incidiu neste aspecto César Mosquera "esta é unha liña de axudas moi oportuna e saíu en tempo récord".
O vicepresidente aplaudiu tamén a actitude da Deputación ao impulsar aos concellos a "actuar xa" en lugar de prometer axudas a futuro "a partir da lista de desgracias".
As actuacións subvencionables, segundo as bases aprobadas, son o enchido de depósitos mediante cisternas, establecemento de puntos de abastecemento mediante cisternas, conexións puntuais a outras redes por emerxencia, gastos de bombeos extraordinarios e urxentes, gastos de emerxencia para axudar a comunidades de usuarios, campañas de moderación de consumos, eliminación de fugas puntuais e outras semellantes.
A contía das axudas consiste nun fixo de 10.000 euros por concello (5.000 euros no caso das entidades locais menores) cun coeficiente multiplicador de 6,5 veces a poboación de cada concello. No caso das mancomunidades percibirán a resultante da suma do que tería correspondido aos concellos que as integran.