O Concello de Pontevedra atópase á espera de que o Ministerio de Medio Ambiente confirme a marcha da electroquímica Elnosa das instalacións que ocupa en Lourizán. Días atrás, as palabras da subdelegada do Goberno Maica Larriba provocaron un balbordo no equipo de goberno local cando deixaba aberta a posibilidade de que Elnosa permanecese nos terreos marítimo-terrestres xunto á ría de Pontevedra.
Pero o encontro entre a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o delegado do Goberno, Javier Losada, borrou calquera sospeita. Este martes, a alcaldesa en funcións Carme da Silva deixaba entrever que a presidenta provincial tiña comunicado a César Mosquera, vicepresidente da Deputación, que o goberno do Estado non ten intención de que Elnosa continúe en Lourizán.
En todo caso, Da Silva espera que o Ministerio traslade un documento oficial confirmando esta información e que dea resposta ao escrito presentado no Concello ante esta institución solicitando o peche do expediente de caducidade da empresa, unha vez que finalizou o período concesional.
INFORME DESFAVORABLE Á CONCESIÓN DA AAI A ENCE
O Concello tamén ha tasladado á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio un informe desfavorable á concesión da autorización ambiental integrada ( AAI), que se está tramitando desde a Xunta para Ence. Desde a administración autonómica solicitouse este informe, que recolle os motivos da oposición do Concello de Pontevedra á continuidade da pasteira, segundo explicaba a alcaldesa en funcións.
O goberno local considera que hai un proxecto sectorial que incumpriu os prazos e, por este motivo, hai que anulalo. Tamén sinala que existen unhas directrices de ordenación do territorio que establecen unhas condicións para Ence que indican a recuperación dos terreos que ocupa a partir de 2018 e tamén está aberto un procedemento administrativo, sen contestar polo Ministerio de Medio Ambiente, respecto da prórroga. Ademais,
Carme da Silva apuntou que a autorización ambiental integrada permite límites de emisión de parámetros importantes superiores á lexislación vixente, tanto en sólidos en suspensión como en demanda biolóxica de osíxeno. Mentres que a lei estatal de 2010 establece un límite de sólidos en suspensión de 15 miligramos/litro, a autorización ambiental integrada sitúase en 57,86. A empresa en 2016 emitía 27,9. En canto á demanda biolóxica de osíxeno, a AAI márcase en 71 ml/ L fronte aos 25 ml/ L que se recollen na lei estatal.
Tamén, desde o Concello, preséntase unha alegación porque a fábrica incumpre coa lexislación de augas urbanas, sinalou Da Silva, que incidiu en aclarar que seguirár con todos os mecanismos para que Ence e Elnosa perdan definitivamente a súa concesión no prazo máis breve posible. A alcaldesa en funcións afirmou que, se a Xunta non ten en conta este informe, o Concello responderá por vía administrativa, xudicial e social.