A presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do Partido Socialista de Galicia, Carmela Silva avogou por "manter as conviccións" e reafirmouse en que "Ence non debería estar na ría de Pontevedra".
Fronte ao discurso do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e do portavoz local dos socialistas pontevedreses chamando a acatar a sentenza de ENCE e "mirar para o futuro", Carmela Silva quixo recalcar "con claridade" que "eu nunca me contradigo co que defendo".
"Son unha persoa que tenta manter as súas conviccións nun mundo no que é difícil manter as conviccións e no que tanta xente as cambia dun ano para outro", dixo a mandataria socialista.
"Hai que ter unha posición clara, a miña sempre foi que Ence non debería estar na ría de Pontevedra e que tiñamos que recuperar a ría de Pontevedra e esa segue sendo e seguirá sendo a miña posición. E ademais estou orgullosísima de que esta sexa a miña posición", remachou.
Carmela Silva fixo referencia expresa ao Partido Popular "que defendeu o traslado e cambiou a súa posición". "Eu manteño as miñas posicións", engadiu.
A preguntas dos xornalistas, Carmela Silva fixo estas declaracións este mércores no inicio das obras de demolición das edificacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial para a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba.
A presidenta da Deputación mostrouse sorprendida polo fallo do Tribunal Supremo que avala que a fábrica se manteña en Lourizán, anulando a sentenza da Audiencia Nacional que tombou a prórroga concedida á pasteira. "É difícil ter unha posición sobre unha sentenza que non coñecemos e na que tamén hai un voto particular", apuntou.
A presidenta provincial ha incidido en que "a xente que nos dedicamos ao público, que gobernamos, que representamos o interese xeral temos que decidir que política industrial queremos", se unha "depredadora do medio ambiente" ou unha "moderna, avanzada, respectuosa coa contorna", que é a que defende a Deputación de Pontevedra, segundo indicou.
Carmela Silva destacou que no goberno provincial "queremos industrias limpas, comprometidas co medio ambiente" e ademais, engadiu, "queremos que se recuperen os espazos degradados por empresas que se asentaron no territorio e que non tiveron en conta para nada estes valores que hoxe son imprescindibles".
Ademais, advertiu de que "se non o facemos nós vaino a facer a natureza, máis pronto que tarde" e lembrou que "este ano tivemos seca que obrigou a esa empresa para ter que paralizar a súa actividade" polo que animou a "reflexionar como sociedade".
Tamén acusou ao Partido Popular e á Xunta de Galicia de "carecer dunha política industrial moderna e avanzada", e de non ser capaces de traer a esta comunidade "industrias respectuosas coa contorna, con valor engadido".
Por último, reafirmouse en que "desde a Deputación e eu mesma sempre mantiven a mesma posición, a miña é a defensa da ría de Pontevedra e a conveniencia da saída de Ence a outro lugar que non dane o medio ambiente".