Carme da Silva, concelleira responsable do Ciclo da Auga: "O ano hidrolóxico está por debaixo da media. Pode ser complicado"

Pontevedra
15 de xuño 2022

A concelleira do goberno local recoñece que este 2022 "foi un ano moi malo, con moi poucas precipitacións" durante a primavera. En todo caso, tranquiliza á poboación explicando que a xestión da auga en Pontevedra é moi eficiente porque o nivel de fuga só é do 3% e non se está a utilizar a auga do encoro do Pontillón do Castro. Lembra que, en caso de seca nos vindeiros meses, o uso doméstico é prioritario polo que, ante un problema grave, Ence debería reducir o seu consumo

Pontillón do Castro
Pontillón do Castro / Mónica Patxot
Situación en Pontevedra ante as escasas chuvias deste 2022 /

Durante as últimas semanas, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, alertaba sobre a situación de seca que atravesa Galicia e demandaba un control do consumo de auga. Este mércores, a concelleira responsable do Ciclo da Auga en Pontevedra, Carme da Silva, recoñecía que este 2022 está a ser un ano "moi malo, con moi poucas precipitacións".

En todo caso, a responsable da xestión da auga no goberno local lembra que o municipio non está a utilizar para o abastecemento a auga que se atopa no encoro do Pontillón do Castro. Lembrou que Pontevedra conta cun sistema dobre de abastecemento, a través do Pontillón e do río Lérez. Utilízase a auga do Pontillón por gravidade, cando o encoro acumula moita auga, pero durante estes últimos meses só está a empregarse o caudal do Lérez e o dique mantén o almacenamento por se é necesario recorrer a el.

Segundo Carme da Silva, este caudal do río varía moito en relación coas precipitacións pero en comparación con outras anualidades, a concelleira confirma que "o ano hidrolóxico está por debaixo da media. Non choveu na primavera. Pode ser complicado. Pensade que en 2017, cunha seca importante, o problema chegou en decembro", apuntou indicando que a situación se agravaría no caso de que continúe sen chover dependendo de como se atopen os recursos hídricos na capa freática.

En todo caso, a concelleira nacionalista quixo tranquilizar á poboación asegurando que en Pontevedra a xestión da auga é "moi eficiente". Só se rexistra un nivel de fuga na rede do 3% derivado de avarías, un nivel moi baixo en comparación con outros  concellos, argumentou, sinalando que no municipio realizouse un importante investimento mentres que outros puntos de Galicia presentan canalizacións "obsoletas" con perdas.

Tamén avanzou que se traballa nun protocolo para, en casos de urxencia, establecer medidas para diminuír os consumos e marcar recomendacións para as comunidades de augas no aforro de recursos. Lembrou que, en caso de urxencia, antes de cortar a subministración doméstica se adoptarían medidas, como xa sucedeu en 2017, de eliminar baldeos nas rúas ou rega de xardíns.

En todo caso, explicou que o consumo de todos os concellos da ría de Pontevedra se sitúa en oito millóns de metros cúbicos anuais, unha cifra inferior á do consumo de auga de Ence, que se move entre os 12 e os 14 millóns de metros cúbicos anuais recollidos no Lérez, afirmou referíndose aos datos que ofrece a propia empresa. Por este motivo, Da Silva advirte que, ante unha seca, Augas de Galicia debería limitar o consumo da fábrica pasteira para garantir o abastecemento da poboación. No momento en que se adopte esa medida, aumentaría o caudal do río para o abastecemento domiciliario. 

Segundo os datos de Augas de Galicia, actualmente o encoro do Pontillón atópase nun 87,08 de ocupación. 

CONCESIÓN ADMINISTRATIVA DO  PONTILLÓN

Carme da Silva tamén se referiu ás declaracións da conselleira de Infraestruturas facendo referencia a que Pontevedra carece de concesión administrativa do encoro do Pontillón. Un aspecto que, na práctica, non afecta no seu funcionamento, segundo afirmou a concelleira.

Indica que o encoro se construía nos anos 40 e inaugurouse nos 50 cunha concesión na época franquista. Entende que no traspaso de competencias do Ministerio á Xunta cando asumiu a xestión destes recursos no territorio galego se tivo que "traspapelar". Lembrou que os datos do Pontillón aparecen nos documentos oficiais de Augas de Galicia e estas declaracións de Ethel Vázquez son  "máis unha escusa da conselleira, que ten ganas de enredar neste tema".

A responsable local asegurou que se investiron moitos recursos públicos para garantir o seu bo funcionamento e aseguro que "se fose a conselleira me preocuparía máis a cantidade de auga que se perde noutros concellos porque non están as infraestruturas no nivel de servizo que temos en Pontevedra". E neste mesmo sentido, tamén convidou a Ence a realizar un estudo de se se rexistran perdas nas canalizacións da pasteira porque existe unha diferenza "importante" entre a auga autorizada para a captación industrial e a declarada como consumo.

Incidiu tamén en que, cando se autorice, o encoro do Pontillón producirá tamén enerxía eléctrica para o mantemento da súa propia planta.

Arquivado en