Carlos Costa optará á reelección á alcaldía do Concello de Campo Lameiro. Este martes anunciou a súa candidatura diante da xunta local do partido, do presidente provincial, Luis López, e da secretaria xeral, Luisa Piñeiro, tras ser elixido por unanimidade pola executiva do PP local.
Carlos Costa sinala que asume o reto con ilusión e compromiso: "o único que nos move é traballar para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Non dar nin un paso atrás, para que conten con máis e mellores servizos e infraestruturas".
Nesta liña, agradece o apoio da xunta local do partido, e o traballo de cada un dos concelleiros. "Somos un equipo, temos un proxecto claro para o noso concello e o único fin que temos é buscar o progreso de Campo Lameiro e velar polos intereses dos nosos veciños".
Pola súa banda, o presidente provincial, Luis López, destaca que "Carlos é un exemplo de boa persoa e, como tal, sempre ten tempo e unha atención próxima as 24 horas do día para os veciños. É un home sinxelo que coñece todos os mecanismos da política e que conta cun perfil integrador que permite que todos traballen polo ben común de Campo Lameiro. Sabe respectar, sabe unir e sabe coidar a todas as sensibilidades".
Con respecto á súa xestión estes catro anos, López dixo que "é envexable, porque cada día comeza unha obra, ábrese un servizo ou xestiónase unha infraestrutura". Como exemplos, sinala dende o inicio do saneamento de Reboredo ata a mellora do parque empresarial, a ampliación do punto limpo, a modernización do centro de saúde, o acondicionamento e mellora das pistas, a celebración de eventos sociais ou culturais, como o primeiro festival da Arte Rupestre Laeros, ou a posta en marcha de medidas de conciliación con campamentos ou ludotecas.