Canto cobran os traballadores do Parque de Maquinaria? Coñece aquí os datos, que a Deputación considera "privilexios"

Pontevedra
23 de abril 2016

Os funcionarios do servizo teñen salarios medios de 40.268,46 euros ao ano, dos que unha media de 7.411,72 euros son dietas e quilometraxe. O xefe do parque cobra 63.214,89 euros,12.453 euros en dietas e quilometraxe. Algúns cobran por durmir fóra da súa casa unha media de 100 días ao ano, pero sempre sen saír da provincia de Pontevedra

Asamblea do Parque de Maquinaria
Asamblea do Parque de Maquinaria / PontevedraViva

Os traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación Provincial de Pontevedra declaráronse en folga ante a imposibilidade de chegar a un acordo nas negociacións coa institución "sobre determinados conceptos retributivos e condicións de prestación do servizo" e non traballarán os venres 29 de abril e 6 de maio de 12.00 a 15.00 horas (xa non o fixeron os pasados días 15 e 22). En resposta a esa convocatoria, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, deu a coñecer este sábado esas retribucións coas que non están de acordo os traballadores e que pasan por salarios medios de 40.268,46 euros ao ano, dos que unha media de 7.411,72 euros son dietas e quilometraxe -nalgúns casos, ata 12.000-. Á Deputación cústanlle 49.010,48 euros ao ano de cartos públicos.

Mosquera non quixo personalizar os datos e só achegou salarios medios dos traballadores, todos eles dos grupos C1 e C2, isto é, con título de bacharelato, graduado en ESO ou equivalente. Si achegou datos concretos do xefe do servizo, un técnico auxiliar de maquinaria que cobra un salario total ao ano de 63.214,89 euros, o que implica un custo para as arcas públicas de 77.667,81 euros. Este traballador cobra en conceptos salariais 50.761,89 euros e 12.453 euros en dietas e quilometraxe. 

Os funcionarios teñen salarios medios de 40.268,46 euros ao ano, dos que 7.411,72 euros son dietas e quilometraxe

No caso do resto dos traballadores do parque, isto é, operadores de máquinas, condutores de camións e turismos e similares, entre os datos que achegou Mosquera figura que algúns cobran dietas por durmir fóra da súa casa unha media de 100 días ao ano, isto é, págaselles porque teñen que durmir nun hotel e non poden ir ao seu domicilio por cuestións laborais nalgún punto dentro da provincia de Pontevedra. Ademais, esas pernoitas, como as dietas e quilometraxes, non teñen que xustificalos con facturas, senón só cubrindo follas de dietas. 

Mosquera chama a atención sobre o feito de que eses salarios medios son superiores á maior parte dos funcionarios do grupo A1 (licenciados, con máster ou doutores), A2 (graduados) e B (técnicos superiores) da Deputación e sobre 7.000 euros superiores aos funcionarios da mesma categoría profesional da instituciónNo caso do xefe do servizo, está por encima de profesións especializadas como médicos, profesores, enxeñeiros ou similares de calquera administración.

Tras dar a coñecer estes datos, o vicepresidente provincial ha indicado que desde o goberno da Deputación considera que estes traballadores teñen "certo tipo de privilexios e comportamentos que son absolutamente inaceptables", ademais de que detectaron que algúns deses 'privilexios' son "absolutamente irregulares", de modo que decidiron actuar para poñerlles fin

 Algúns cobran por durmir fóra da súa casa unha media de 100 días ao ano, pero sempre sen saír da provincia

A partir deste luns 25 de abril, comezará unha nova época no Parque da Maquinaria no que César Mosquera nega as acusacións dos representantes sindicais de que se privatizará o servizo, senón que o que se fará será "racionalizar" o uso de diñeiro público. Así, decidiuse que, a partir de agora, evitarase que os funcionarios do parque teñan que durmir fóra de cada con asiduidade e reducir os gastos en dietas e quilometraxes con medios propios e privados e substituílos por desprazamentos por medios da Deputación, xa que lle saen máis baratos á institución. 

Ademais, dedicaranse os medios materiais e humanos dos que dispón o parque para atender non só os viarios municipais, como facían nos últimos anos, senón que tamén se dedicarán do mantemento dos 1.700 quilómetros de estradas provinciais e a partir de agora limitarase o número de obras que se contrate a empresas externas para este tipo de traballos

A partir deste luns 25 de abril adoptaranse medidas para acabar con estes "privilexios"

A maiores, a partir deste luns, os traballadores terán un novo horario que será igual ao do resto de traballadores das brigadas de obras e doutros departamentos da Deputación. Empezarán a traballar ás 8.00 horas e sairán ás 15.00 horas e, a maiores, algún día á semana deberán traballar media hora a maiores ata completar a súa xornada, de modo que poderán entrar ás 7.45 e saír ás 15.15. Na actualidade non tiñan o mesmo horario que o do resto de funcionarios, senón xornada partida. 

Mosquera tamén valorou a folga que están a realizar os traballadores e cualificouna de "mini folga", pois co seu horario actual os venres saían de traballar ás 12.30. O paro é de 12.00 a 15.00 horas, de modo que deixan de ttrabajar, segundo o vicepresidente, tan só media hora do seu horario habitual. 

A conclusión á que chegou a Deputación é que esas dietas e pernoitas utilízanse para igualar salarios entre os traballadores, pois apenas hai diferenzas entre salarios a pesar de que hai diversas antigüidades e funcións e de que a convocatoria de folga actual ten como única pretensión manter uns "privilexios espúreos" que conseguiron co anterior Goberno da Deputación "por mecanismos de máis que dubidosa legalidade". Como dato curioso, achega que a metade dos funcionarios do parque son do Salnés e un cuarto deles de Ribadumia, pero  Mosquera quixo deixar claro que "non entro a discutir que estean sobradamente preparados". 

Arquivado en