Cancelan a marcha desde Ence ao Porto de Marín deste venres debido á traxedia do 'Villa de Pitanxo'

Pontevedra
17 de febreiro 2022

Os convocantes decidiron nas últimas horas desconvocar esta mobilización de agradecemento á Autoridade Portuaria por pedir a adscrición dos terreos de Lourizán. Queren sumarse así á dor dos tripulantes e das familias afectadas tras a traxedia marítima que afecta a toda a península do Morrazo

Pancarta e protesta dos traballadores de ENCE
Pancarta e protesta dos traballadores de ENCE /

Traballadores do Comité de empresa de Oficinas Centrais de Ence; a asociación Seforcel; a Coordinadora de empresas auxiliares de Ence e a sección sindical de Comisións Obreiras no Grupo Ence decidiron nas últimas horas cancelar a marcha reivindicativa que organizaran para a mañá deste venres 18 de febreiro debido ao "tráxico accidente marítimo" que provocou o naufraxio en Terranova do barco 'Villa de Pitanxo', con porto base en Marín.

A marcha estaba prevista como un acto de defensa dos postos de traballo da factoría de Lourizán e como sinal de agradecemento á Autoridade Portuaria por solicitar a adscrición ao porto dos terreos que actualmente ocupa a fábrica pasteira. O percorrido previsto da mobilización iniciábase en Ence e finalizaría no porto de Marín.

Debido ao pesar que se vive na comarca de Marín e en toda a península do Morrazo durante estas xornadas, os convocantes decidiron desconvocar o acto e sumarse á "dor dos tripulantes e das familias afectadas" pola traxedia.

Arquivado en