Campañó, descartada como localización da futura planta de compostaxe

Pontevedra
07 de outubro 2014

O concelleiro nacionalista insistiu en que a proposta remitida dende Campañó non estaba entre as ofertas coas "mellores condicións", xa que recordou que, entre as condicións esixidas polo Concello, deben contar con doado acceso ou ter preto redes de saneamento e abastecemento de augas. Ademais, con respecto a O Salgueiral (Bora) e Lérez, nomes que apuntan diversas fontes, afirmou que é "rotundamente falso" que presentasen ofertas

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera / Mónica Patxot

Apenas 24 horas despois de que o Concello de Pontevedra recoñecese que Campañó era unha das posibles situacións da futura planta de compostaxe, César Mosquera aclarou que esa posibilidade está descartada. Ao parecer, todas as propostas trasladadas pola comunidade de montes da parroquia foron rexeitadas polos técnicos municipais ao incumprir as condicións establecidas na oferta pública.

O motivo é que en todas esas parcelas, a pesar do manifestado polos comuneiros, hai captacións de auga, o que segundo Mosquera as "inviabiliza" para acoller a planta de compost. Recoñeceu que en Campañó había "todo o entusiasmo do mundo" con respecto a este proxecto, chegando a convocar en xullo unha comisión de traballo entre colectivos da parroquia. Pero lamenta que "forzaron demasiado" e se frustrou esta posibilidade.

O concelleiro nacionalista insistiu en que a proposta remitida dende Campañó non estaba entre as ofertas coas "mellores condicións", xa que recordou que, entre as condicións esixidas polo Concello, deben contar con doado acceso ou ter preto redes de saneamento e abastecemento de augas. Ademais, con respecto a O Salgueiral (Bora) e Lérez, nomes que apuntan diversas fontes, afirmou que é "rotundamente falso" que presentasen ofertas.

César Mosquera negouse a avanzar máis no dito este luns con respecto ás propostas recibidas, alegando que unha das condicións dos ofertantes é precisamente a discreción. "Ata que estea a avanzar non se farán públicas ás ofertas", adiantan dende o goberno municipal.

Reiterou que o proceso avanza segundo o previsto, xa que o goberno municipal sabía que, entre outros o PP local e o PSdeG-PSOE ían poñer "todas ás zancadillas do mundo enriba da mesa", especialmente ante a proximidade das eleccións municipais. "Que pode ser un tema que se trate na campaña, si; que esta época electoral afecta, tamén", explicou Mosquera, quen acabou recoñecendo que iso podería variar o calendario do proxecto.

En todo caso, o edil de Ordenación do Territorio, que comparou esta oposición coa que houbo no seu día cando o goberno municipal apostou pola peatonalización do centro histórico, reiterou que a creación desta planta de compost que permitirá, dixo, que Pontevedra pase a contar coas instalacións de tratamento de lixo "máis avanzada, máis ecolóxica" de toda Galicia, un modelo "socialmente comprometido e compartido" pola cidadanía.

Arquivado en