As lonas de PVC ou poliéster que usan as administracións para comunicar campañas ou publicitar as súas actuacións convertéronse en todo un problema ambiental. Úsanse durante pouco tempo e, ao converterse en residuo, deben ser tratadas por xestores autorizados.
Pero en Pontevedra decidiron reutilizalas e darlle un segundo uso. Será, entre outros complementos, como bolsas ou fundas para computadores. Trátase dun proxecto que impulsa a compañía pontevedresa Loba e Oso, ao amparo do programa municipal Efecto PO2.
O uso destas lonas, destacou a edil Anabel Gulías, é un "problema global". Entende que resultan "beneficiosas" como recurso publicitario, pero desfacerse delas non é fácil. Por iso é polo que "apostemos por reutilizalas de xeito útil" e apostando pola economía circular.
O Concello adquiriu 300 packs destes prototipos para utilizalos como agasallo institucional, pero xa traballan no "segundo paso" que sería poder comercializalas. Para iso, están a estudar os trámites administrativos e legais para poder ceder as lonas usadas.
Os requisitos para poder reutilizar este material que se siga o procedemento de "quilómetro cero" e que todos estes complementos se comercialicen en establecementos comerciais polo miúdo de Pontevedra, polo que quedarán excluídas grandes cadeas ou firmas multinacionais.
"Queremos facer destas bolsas un sinal de identidade do compromiso de Pontevedra coa loita activa contra o cambio climático", defendeu Gulías, responsable do programa Efecto PO2.
Saleta González, responsable da empresa Loba e Oso, explicou que este proxecto de "suprarreciclaxe" pretende que os materiais empregados "se manteñan no sistema produtivo o maior tempo posible" e reducir así as emisións de CO2 asociadas á súa produción.
Todos os complementos deseñados a través desta iniciativa son de manufactura local, reciclando excedentes téxtiles achegados por compañías como Atlantic Denim (Moaña), Lonas Orca (Vigo), Grupo Lirón (Pontevedra) ou Miolos Design (Pontevedra).
Ademais, colaboran neste proceso a deseñadora Marta Lloria e varias costureiras de Pontevedra, que son as responsables de confeccionar estes produtos.
No momento que as bolsas ou as fundas se poidan comercializar, a intención é que parte dos beneficios que se xeren se destinen a colectivos que traballen pola conservación da biodiversidade en Galicia.