Boa Vila esixe ao Concello outra ubicación para a planta de compost e suxire un parque empresarial

Pontevedra
15 de xaneiro 2015

Cifran en 1.200 persoas adultas o número de afectados de Ponte Sampaio se chega a instalarse na parroquia veciña, pois afectaría á subministración de auga de 500 casas dos lugares de Vilar, Rañadoiro e Ponte Sampaio. Pretenden promover unha plataforma de maior tamaño na que estarían veciños de Tomeza e Marcón e doutros municipos como Vilaboa e Ponte Caldelas

Dirixentes veciñais de Ponte Sampaio, Salcedo e Boa Vila
Dirixentes veciñais de Ponte Sampaio, Salcedo e Boa Vila / PontevedraViva

A Federación de Asociacións de Veciños Boa Vila sumouse á lista de pontevedreses que se opoñen á planta de compostaxe que proxectan o Concello e a Deputación Provincial na parroquia da Canicouva e na que xa están as asociacións veciñais Santa María e Heroes de Ponte Sampaio, a comunidade de montes desta parroquia e diversos colectivos de Baltar e Xustáns, en Ponte Caldelas. No caso de Boa Vila, a súa presidenta, Mari Luz Fernández, fixo público este xoves un acordo da súa directiva no que se esixe ao Concello que "busque outra situación" distinta á da Canicouva.

Boa Vila esixe que se sitúe a nova planta "donde no cause los graves perjuicios que le ocasionaría a los vecinos de Ponte Sampaio, Vilar, Rañadoiro y Acevedo", dado que asegura, tal e como fan todos os colectivos veciñais de Ponte Sampaio, que a auga para o consumo humano dos veciños de boa parte deste parroquia sae de mananciais e ríos que se sitúan ao sur da situación proposta. Como alternativa, suxiren ao Concello a posibilidade de instalar esta nova instalación nun parque empresarial, "ya que no deja de ser una empresa más".

Mari Luz Fernández compareceu en rolda de prensa acompañada polos presidentes da asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio e da comunidade de montes desta parroquia, Ramón Agulla e Manuel Santos, así como por directivos doutros colectivos veciñais de Salcedo. Todos mostraron o seu rexeitamento á situación da planta na Canicouva e Manuel Santos cifrou en 1.200 persoas adultas o número de afectados da parroquia pontevedresa se chega a instalarse na parroquia veciña.

Segundo explicou, afectaría á subministración de auga de 500 casas dos lugares de Vilar, Rañadoiro e Ponte Sampaio. Ao respecto, Ramón Agulla indicou que o principal prexuízo desta planta para os veciños é o que afecta á subministración de auga, pero tamén hai que ter en conta outros aspectos que empeorarán a calidade de vida dos veciños, tales como o impacto ambiental ou a contaminación e mesmo auguran que podería chegar a verse afectado un dos recursos económicos do que vive boa parte da parroquia, o marisqueo.

 "En este tema no puede haber política porque estamos hablando de la calidad de vida de nuestros hijos y nietos"

Os colectivos de Ponte Sampaio pretenden promover unha plataforma de maior tamaño para loitar contra a situación da planta na Canicouva na que estarían implicadas todas as asociacións de veciños e comuneiros de Ponte Sampaio, pero tamén veciños doutras parroquias pontevedresas como Tomeza e Marcón e doutros municipios como Vilaboa e Ponte Caldelas, todos eles afectados por esta instalación industrial.

Para crear esa plataforma, previamente realizaranse reunións parciais. Este venres ás 19.30 haberá asemblea de Heroes de Ponte Sampaio, o sábado xuntaranse os veciños de Santa María e o venres 23 será a quenda dos comuneiros. A continuación, empezarán unha rolda de contactos con outros veciños e políticos de Pontevedra e os municipios veciños.

Ramón Agulla e Mari Luz Fernández criticaron a xestión que se realizou deste asunto por parte do Goberno local de Pontevedra, pois aseguran que o grupo municipal do BNG actuou con "oscurantismo" ocultando todas as xestións a todos os veciños do municipio e, o que é máis grave, aos directamente afectados. Aseguran mesmo que a reunión dos comuneiros da Canicouva na que estes apoiaron a planta non foi pública para todos os socios da comunidade de montes e "estamos recibiendo llamadas de vecinos de Canicouva que nos dicen que no sabían nada". Dos 84 comuneiros desa parroquia só votaron na asemblea 56.

Responden, ademais, ás críticas do BNG de que esta oposición veciñal está politizada. Ramón Agulla asegura que "en este tema no puede haber política porque estamos hablando de la calidad de vida de nuestros hijos y nietos".

OPOSICIÿN TAMÿN DA ASOCIACIÿN ALVEDOSA

A Asociación de naseiros 'Alvedosa' tamén manifestou a súa oposición á planta de compostaxe porque os seus membros entenden que non é o lugar máis indicado ao poder producirse verteduras no río Pozo Negro-Ulló e, polo tanto, na ria. A xunta directiva deste colectivo entende que o lóxico sería construila nun polígono industrial. Reclaman información sobre a planta que se proxecta en relación cos lodos das depuradoras de augas residuais.

Arquivado en