Veciños de Lourizán mostraban durante a sesión plenaria o seu malestar pola falta de determinación por parte dos diferentes partidos con representación municipal sobre a ampliación da estación depuradora (EDAR) de Praceres, que proxecta a Xunta de Galicia.
Marea Pontevedra, a través do voceiro Luís Rei, presentaba no pleno unha petición de rexeitamento desas obras de ampliación sinalando que mentres a ría de Arousa conta con once depuradoras, Pontevedra só ten tres: Bueu, Sanxenxo e a de Praceres, que recolle 64 mil metros cúbicos ao día recibindo augas residuais procedentes de Concellos como Marín e Poio.
A esta proposta, María Rey, representante de Cidadáns, presentaba unha emenda na que solicitaba a rebaixa do Imposto de Bens Inmobles aos veciños de Lourizán como consecuencia da deterioración da calidade de vida. Ademais tamén solicitaba unha rebaixa do recibo do lixo.
Con todo, a proposta non se someteu a votación xa que os grupos municipais do BNG e do PSOE presentaron e aprobaron unha emenda de substitución na que o Concello de Pontevedra insta á Xunta de Galicia e, en concreto, ao organismo Augas de Galicai a ter en conta as suxestións trasladadas polos técnicos municipais en relación co emisario e ademais comprométense a non aprobar nin licitar o proxecto de ampliación da EDAR mentres a Xunta non finalice e aprobe na súa totalidade o Plan de Saneamento da ría de Pontevedra.
A decisión foi recibida con malestar por parte dun grupo de veciños de Lourizán que se atopaban no patio de butacas. Iván Pérez, representante do colectivo, sinalaba que con esta emenda non quedaba clara a posición dos diferentes grupos políticos en relación coa ampliación destas instalacións. Os veciños sinalan que falta información por parte da Xunta de Galicia en canto á elaboración e aprobación do Plan de Saneamento.
Por este motivo, o grupo veciñal solicitará, nos próximos días, entrevistas cos diferentes grupos municipais e co Concello de Pontevedra para coñecer de primeira man cal é a postura respecto desta ampliación da depuradora de Praceres. Entenden que a emenda aprobada deixa aberta a posibilidade de que se acometan eses traballos no futuro.
A proposta do BNG e do PSOE foi aprobada cos votos en contra do PP, Cidadáns e Marea Pontevedra.