O Concello de Pontevedra aprobou este luns a modificación puntual do PGOU que regulará a instalación de crematorios na cidade. Fíxoo cos votos favorables dos catorce membros dos grupos municipais de BNG e PSdeG-PSOE e a oposición dos nove edís do PP. A concelleira non adscrita, María Biempica, abstívose. A aprobación produciuse entre os berros dos membros da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste.
Con esta iniciativa, defendida no Pleno polo concelleiro socialista Agustín Fernández, en liñas xerais supoñerá que os crematorios non poderán instalarse en chan residencial (nin a unha distancia preventiva de 50 metros dos chans urbanos, urbanizables ou de núcleo rural) e quedan autorizados en chan rústico (logo de aprobación dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións), cemiterios e polígonos industriais.
Unha vez que o Pleno aprobou a iniciativa, o expediente será remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para que proceda á aprobación definitiva, que lle compete en exclusiva antes dun prazo de tres meses.
O voceiro do Partido Popular, Jacobo Moreira, púxose de lado dos veciños da Parda e criticou o "tremendo engaño" do goberno municipal aos afectados. Asegura que se aprobou con "nocturnidad y alevosía" reducir a franxa de protección de 500 a 50 metros, o que supón unha "sentencia condenatoria" para todos os veciños do barrio. ÿ un "atropello", reiterou, e lamentou a "seria amenaza" que pende sobre todos os afectados.
Durante o debate deste punto da orde do día foron continuas as interrupcións por parte dos membros da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste, que chegaron a chamar "casta" aos concelleiros de BNG e PSdeG-PSOE. "Isto non vai quedar así", afirmou un dos voceiros, en referencia á próxima convocatoria das eleccións municipais. "Xa vos queda pouco no goberno", avisaron os afectados.