BNG e Cidadáns unen forzas en Sanxenxo para impedir o desmantelamento do Servizo de Emerxencias

Sanxenxo
05 de maio 2021

Fernández Agraso e Rodríguez Búa piden o apoio do resto de partidos da oposición e solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para facer rectificar ao goberno local, ao que instan a pedir á Xunta fondos para o financiamento dun servizo supramunicipal

Pleno de Sanxenxo retransmitido vía streaming
Pleno de Sanxenxo retransmitido vía streaming / Concello de Sanxenxo

O BNG e Cidadáns unen forzas en Sanxenxo para esixir ao goberno de Telmo Martín a convocatoria dun pleno extraordinario e forzar ao executivo municipal a rectificar a súa decisión de desmantelar o Servizo Municipal de Emerxencias. Nunha comparecencia conxunta, Sandra Fernández Agraso (BNG) e Vanesa Rodríguez  Büa ( Cs) convidan o resto dos grupos da oposición para sumarse a esta iniciativa.

Ao mesmo tempo piden a Telmo Martín que, en lugar de reestruturar o servizo, inste á Xunta a equiparar o compromiso económico coas emerxencias de Sanxenxo coa achega que fan aos GES noutras comarcas. Ou, por outra banda, que explique as verdadeiras razóns polas que insisten en  fulminar un servizo que inflúe directamente na calidade de vida e na seguridade dos veciños de Sanxenxo.

Fernández Agraso insiste en que se trata dun servizo supramunicipal que dá cobertura a máis de 50.000 veciños de Sanxenxo, O Grove, Meaño e Poio e que o recorte do seu persoal afectará ás excarcelacións  nos accidentes de tráfico nos que os segundos son vitais ou as intervención nos incendios en vivendas."Poñerá en perigo a posibles víctimas e aos propios bombeiros, ademais de aumentar o tempo de resposta, onde un minuto é a diferenza entre vivir ou morrer", sinala a nacionalista.

Ambas as portavoces coinciden en que os verdadeiros motivos do desmantelamento non teñen relación co aforro económico. A única razón que motiva a decisión de Telmo Martín é “ter a todo o mundo á súa disposición para dispoñer dos recursos municipais como se lle antolle e seguir cunha política de favores que lle garanta apoios para as futuras eleccións. Un actitude de auténtico cacique", sostén Rodríguez Búa.