Besteiro promete "facer forza" para que Transportes cambie o trazado da A-57

Pontevedra
19 de novembro 2024

O PSdeG defenderá ademais que o investimento do Goberno "priorice máis a saída sur que a norte", é dicir, que primeiro se constrúan os 32 quilómetros entre Vilaboa e Ponteareas

José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Blanco coa plataforma de afectados pola A-57
José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Blanco coa plataforma de afectados pola A-57 / PSdeG-PSOE

Os máximos responsables do PSOE en Galicia comprometéronse cos veciños das parroquias pontevedresas de Bora, Xeve e Verducido a "facer forza" ante o Ministerio de Transportes para que modifique o trazado previsto para a autovía A-57.

Así llo trasladaron aos afectados o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nunha reunión que mantiveron con eles para escoitar as súas reivindicacións.

Ambos ratificaron o apoio dos socialistas galegos para que se busque unha alternativa a ese trazado, que pasando por esas tres parroquias, pretende conectar o primeiro tramo da A-57, entre Vilaboa e A Ermida (Pontevedra), co polígono de Barro e a autoestrada AP-9.

O PSdeG defenderá ademais que o investimento do Goberno "priorice máis a saída sur que a norte", é dicir, que primeiro se constrúa os 32 quilómetros entre Vilaboa e Ponteareas.

Isto permitiría que Pontevedra contase cunha saída directa por autovía "libre de peaxe" cara a Ourense e a Meseta, subliñan os socialistas, que consideran que a zona norte estaría "perfectamente conectada" a través das bonificacións da AP-9.

Esta sería unha medida "moitísimo máis barata", segundo os dirixentes do PSOE galego, que construír os dous tramos pendentes da A-57 cara ao norte.

En todo caso, Besteiro e Blanco coincidiron en que o "fundamental" é que "como mínimo" se modifique o trazado previsto, de forma que non afecte "tan gravemente" aos veciños de Bora, Xeve e Verducido como o que está proposto nestes momentos.

A este respecto, aseguraron que traballarán de maneira "activa" para que, en colaboración co Goberno central, se poida atopar unha solución que satisfaga aos afectados e tamén ás aspiracións de conectividade da propia cidade de Pontevedra.