O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, continúa coas xestións para conseguir o cambio de trazado para o enlace da autovía A-57 en Curro e logrou un compromiso da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia para defender esta modificación ante a Demarcación de Carreteras do Estado.
O alcalde tivo unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, co obxectivo de conseguir o seu compromiso para defender a mesma posición que ten o Concello para que se descarte a alternativa actual que manexa o Ministerio de Fomento.
Fernández Abraldes reuniuse coa conselleira porque nas obras previstas para o remate da A-57 en Curro está afectada a estrada de titularidade autonómica PO-531. A denominada alternativa 'CO-3 con melloras' ten un "grande impacto" ao enlazar co nudo de Curro e o alcalde de Barro buscaba un frente común coa Xunta para que se cambie pola alternativa 'CO-5', que levaría o último treito deste proxecto a enlazar na zona da actual peaxe da autopista.
Segundo informou o Concello, a conselleira manifestoulle ao alcalde que defenderían a mesma alternativa nunha reunión que se celebrará proximamente a tres bandas entre a Demarcación de Carreteras do Estado, o Concello e a propia Xunta de Galicia.