A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, mantivo este luns unha reunión co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, na que abordaron diferentes asuntos e coincidiron na necesidade de coñecer a solución definitiva da autovía estatal A-57 ao seu paso por este municipio e as súas implicacións sobre o tráfico da estrada autonómica.
Na reunión tamén falaron da seguridade viaria no treito antigo da estrada PO-531, entre a igrexa de Curro e o acceso ao polígono de Outeda. Trátase dun treito duns 500 metros de lonxitude no que os movementos se reduciron de xeito significativo cando se puxo en servizo a variante e que rexistra un tráfico fundamentalmente de carácter local.
Acordouse que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, analizará a adopción de posibles medidas de calmado de tráfico neste treito da estrada, como a execución dalgún paso sobreelevado, ao tempo que amosou a súa disposición a transferilo ao eido local, porque isto permitirá adoptar medidas máis acordes á súa funcionalidade actual.
Durante a xuntanza, Ethel Vázquez trasladou que a prioridade de actuación agora mesmo por parte da Xunta en materia de estradas no concello de Barro se centra na estrada PO-531, que une Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, e rexistra unha alta intensidade de tráfico.
Lembrou que nesta vía xa se levou a cabo a mellora da seguridade viaria na zona de accesos ao polígono de Sequeiros e, máis recentemente, tamén na Devesa, cun investimento global que se aproxima ao millón de euros. Avanzou, ademais, que a Xunta ten previstas novas actuacións de cara a reforzar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade peonil e ciclista nesta estrada autonómica.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade tamén ofreceu o apoio da Xunta ao Concello de Barro no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e depuración.
Neste sentido, Ethel Vázquez trasladou a disposición do goberno galego de cofinanciar a mellora da depuradora de Barro, no marco dun acordo coa Deputación Provincial de Pontevedra e co Concello, para o proxecto e para as obras, financiándoas entre as tres administracións.