Barro defende ante o Estado un cambio de trazado para o enlace da A-57 en Curro

Barro
27 de xullo 2017

Nunha xuntanza celebrada este xoves, Fernández Abraldes reiterou que a alternativa escollida, a coñecida como CO-3 con melloras, xerará un grande impacto en Curro. De aí que solicitara, tal e como se recollía nas alegacións presentadas por Barro, un novo trazado

Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín, no Concello de Barro
Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín, no Concello de Barro / PontevedraViva

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, transmitiulle ao xefe territorial da Demarcación de Estradas de Galicia, que o seu municipio seguirá defendendo o cambio de trazado para o enlace da A-57 en Curro.

Nunha xuntanza celebrada este xoves, Fernández Abraldes reiterou que a alternativa escollida, a coñecida como CO-3 con melloras, xerará un grande impacto en Curro. De aí que solicitara, tal e como se recollía nas alegacións presentadas por Barro, un novo trazado.

Barro opta pola alternativa CO-5 que levaría o último treito deste proxecto, entre Pilarteiros e Curro, a enlazar na zona da actual peaxe da autopista.

 O representante de Estradas do Estado comunicoulle ao alcalde que dende esta demarcación se lle enviara un escrito ao Ministerio de Medio Ambiente para que se considerara como alternativa prioritaria a CO-5. 

Pero Abraldes sinala que na resolución de Medio Ambiente do pasado mes de xuño "por ningún lado" se fala deste escrito e só se valora a alternativa seleccionada.

Por iso, Barro pedirá de forma inmediata unha reunión co Ministerio de Medio Ambiente para aclarar por que non se tivo en conta o cambio de posición de Fomento e as alegacións do Concello, ademais de seguir coas xestións cos responsables de Estradas e de pedir a implicación da Xunta de Galicia, "na defensa da nosa posición". 

En todo caso, desde o Concello de Barro sinalan que seguirán traballando para conseguir o obxectivo de que esta "necesaria infraestrutura", a A-57, "cause o menor impacto posible".

Arquivado en