O deputado nacionalista Luís Bará denunciou a "patraña" e a "burda manipulación" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ao tentar utilizar o informe do Consello Consultivo de Galiza sobre os terreos de Ence para abrir a posibilidade de adscribilos ao porto de Marín.
"O máis grave non só é esa burda manipulación do contido do informe, senón a burda manipulacióndo propio Consello Consultivo e si, un feito moi grave porque é o máximo órgano consultivo da Xunta e do conxunto das institucións galegas e senta un gravísimo precedente", censurou Bará nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, na que avanzou que o BNG levará este tema ao pleno do Parlamento galego que se celebrará a próxima semana.
"É un exemplo de libro de fake news, unha mentira coma unha catedral", dixo Bará.
Segundo reprobou o deputado nacionalista, a actitude de Feijóo de "seguir estirando o chicle" da permanencia de Ence en Lourizán ten unha finalidade "puramente partidista", a da confrontación co Goberno central e a de facer oposición ao goberno municipal de Pontevedra.
"E faino utilizando este tema como unha trampa, como un engano ao conxunto da cidadanía e aos propios traballadores e traballadoras, aos que lles crea a falsa ilusión de que Ence pode seguir onde está, cando hai unha sentenza que di o contrario", afirmou, para a continuación incidir en que o Consello Consultivo non se pronuncia sobre este aspecto.
"De feito, fixo posteriormente unha aclaración en resposta a unha consulta na que asegurou que Ence non pertencía á adscrición do porto de Marín, senón que dependía da sentenza do Tribunal Supremo", explicou, para a continuación recalcar "se é que se admite a trámite o recurso presentado", unha vez que xa quedou claro o pronunciamento da Audiencia Nacional.
"En vez de enredar, de confundir, de confrontar, a Xunta ten que afrontar as súas responsabilidades como goberno do país e poñerse a traballar –incidiu- porque dentro duns meses pode haber unha situación xa irreversible para a saída de Ence".
RESPOSTA DE RUEDA
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a "independencia" do Consello Consultivo tras as críticas do BNG . En declaracións aos medios en Cea (Ourense), Rueda cualificou de "curioso" que o Bloque acuse de imparcialidade ao Consello Consultivo cando "o propio Concello de Pontevedra acudiu moitas veces" a este órgano "e baseouse no que dicía para tomar decisións".
"Non entendemos por que teñen ese empeño en negar esa posibilidade cando o Consello Consultivo, un órgano independiente, mostrouse a favor", manifestou Alfonso Rueda, que lamenta a postura daqueles "que anuncian que van facer todo o posible para que non salga adiante, o que quere dicir, facer que eses postos de traballo se perdan".