España peca de "falta de transparencia" nas concesións no dominio público marítimo terrestre do seu litoral. Así de contundente se mostrou a Comisión Europa, que abriu un procedemento de infracción contra España por infrinxir as directivas europeas.
Bruxelas sostén que o goberno español non garantiu un proceso de selección "transparente e imparcial" para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras e considera que as prórrogas sen xustificación son "contrarias" ás regras da Unión Europea.
As autoridades europeas poñen o acento, especialmente, naquelas concesións por un período de ata 75 anos -como a de Ence en Pontevedra-, "unha vez máis sen procedemento de selección algún", polo que conclúen que "infrinxe a directiva de servizos".
Actualmente, a lei de Costas española permite ampliar a 75 anos determinadas concesións, locais permanentes como restaurantes, empresas papeleiras ou químicas, segundo resume Bruxelas, en espazos de dominio público marítimo terrestre fóra dos portos.
Neste contexto, os servizos comunitarios enviaron unha carta de emprazamento ás autoridades españolas, que é o primeiro paso dun expediente sancionador e concede un prazo de dous meses ao país infractor para poñer solución á situación.
No caso de que non haxa acordo entre Bruxelas e España, o executivo comunitario decidirá se eleva o caso de oficio ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE).