Avanza a negociación para a apertura da Casa da Quintán

Ponte Caldelas
11 de abril 2018

O goberno local de Ponte Caldelas insta á Xunta a buscar unha solución para destinar o inmoble, reformado en 2008, a calquera fin social. A Casa da Quintán atópase actualmente habitada por unha persoa que perdeu a súa vivenda nos incendios de outubro

Habitación con camas na Casa da Quintán
Habitación con camas na Casa da Quintán

O Concello de Ponte Caldelas leva tres anos loitando pola apertura da Casa da Quintán, un chalé indiano reformado en 2008 e concibido como centro de respiro para familias con persoas con discapacidade psíquica.

O goberno local deu este mércores un paso máis nas negociacións formalizando unha vía de diálogo coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, organismo ao que lle foi cedido o inmoble por unha asociación actualmente desaparecida.

O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza co secretario xeral da Consellería, Javier Abad, na que se abordou a cuestión da Casa da Quintán, pola que o concello caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aprobara xa dúas mocións plenarias reclamando a súa apertura. O secretario comprometeuse a organizar unha xuntanza entre o alcalde e o conselleiro José Manuel Rey.

O proxecto que se contempla desde o goberno de Ponte Caldelas é que este inmoble se destine a calquera fin social, facendo fincapé na posibilidade de que se convirta nun centro de día para persoas maiores, tentando así cubrir unha necesidade social de toda a bisbarra, ante a falta de prazas públicas.

O alcalde Andrés Díaz subliñou que, con independencia das diferentes cores políticas da Xunta, ambas institucións deben colaborar para conseguir que un recurso que se atopa dispoñible sexa aproveitado correctamente. "O que queremos é falar", explicou Díaz.

O edificio, que levaba dez anos sen uso, estase a empregar na actualidade como aloxamento dunha persoa afectada polos incendios forestais do pasado 15 de outubro, que sufriu a perda da súa vivenda. As institucións coinciden en que a situación de emerxencia xa pasou e é necesario atopar unha solución habitacional definitiva.