Augas de Galicia necesitará ampliar a superficie da EDAR dos Praceres para "practicamente duplicar a súa capacidade". Esta é unha das principais novidades que se desprenden da reunión celebrada este luns na delegación territorial da Xunta en Campolongo da comisión de seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra.
Neste encontro o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, informou dos avances rexistrados desde abril de 2017 cando se produciu a última convocatoria deste órgano conformado pola Xunta, concellos e confrarías.
Roberto Rodríguez deu conta dos pasos dados respecto da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres, tras comunicar a Costas do Estado a conformidade de Augas de Galicia coas condicións que se establecen na proposta para o outorgamento da concesión da ocupación dos terreos en dominio público marítimo-terrestre sobre os que actualmente está asentada a depuradora.
"Esperamos, segundo nos comunican desde Madrid, ao longo deste mes recibir a confirmación definitiva desta concesión" e a partir de aí, seguiu Roberto Rodríguez, abordarase a planificación prevista para ampliar a EDAR en dúas fases: a primeira mellorando a infraestrutura existente para a que xa está licitado un anteproxecto "que vai supoñer un avance importante nas condicións de vertedura actuais", e posteriormente acometerase unha fase de ampliación para "practicamente duplicar a súa capacidade".
O director de Augas de Galicia informou que isto "supoñerá tamén a necesidade de ampliar esa superficie" polo que "se determinará de que modo, en que superficie, en cantos metros imos necesitar cando estea rematado o plan e o estudo de alternativas" que concretará as tecnoloxías que vai levar ese espazo e que condicionarán "cara a onde ten que crecer".
"Obviamente" será en terreos de concesión marítimo-terrestre e "colindantes ao terreo que actualmente ocupa a actual depuradora", afirmou Rodríguez.
Finalmente, Roberto Rodríguez tamén informou na reunión do anteproxecto xa redactado do novo emisario submarino de 3,6 quilómetros e cun orzamento que supera os 10,2 millóns de euros. Este emisario tamén quedou á marxe da concesión de Ence, declarada parcialmente nula, pois debe dispoñer dunha concesión propia .
A día de hoxe, a petición das confrarías, están a facerse estudos geotécnicos complementarios para analizar a posibilidade de prolongar a parte soterrada do emisario para que teña unha menor afección nos polígonos de bateas.
Sobre o punto de vertedura deste emisario, Roberto Rodríguez asegurou que desde as confrarías "non se nos trasladou ningún tipo de obxección".
"A Xunta segue a marear a perdiz" cando fala de saneamento da ría, resumiu a xuntanza o concelleiro de Obras do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez.
A vindeira reunión sobre o saneamento da ría será para setembro ou outubro.