O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, mostrouse disposto a estudar "se é viable técnica e economicamente" que a proxectada ampliación da depuradora dos Praceres asuma tamén o saneamento de Raxó e Samieira, evitando a construción da polémica EDAR nesta zona.
Roberto Rodríguez destacou que "esa cuestión ten moitos interrogantes que habería que despexar desde o punto de vista técnico" pero insistiu en que "por nós evidentemente non vai quedar".
En todo caso o director de Augas de Galicia considera que esta proposta de unificar toda a canalización de augas residuais de Poio cara á futura depuradora dos Praceres unha vez esta sexa reformada "é unha cuestión que pode ser obxecto de análise dentro do propio plan de saneamento local".
Roberto Rodríguez fixo estas declaracións este luns en Pontevedra nun encontro cos xornalistas antes de participar na reunión da comisión de seguimento do plan de saneamento local da ría.
Neste contexto tamén se referiu á denuncia presentada polo Concello de Poio contra Augas de Galicia para esixir que a administración autonómica constrúa a depuradora en Pampaído, algo que Roberto Rodríguez cualificou como "unha fuxida das súas propias competencias" por parte do goberno local.
"Que nos digan dentro do seu ámbito competencial onde queren que Augas de Galicia poña a disposición a depuradora", insistiu Rodríguez.
O director de Augas de Galicia lembrou que a Xunta propuxo "ata doce alternativas" para esa EDAR, e entre elas "sinalara tres como as máis idóneas, viables desde o punto de vista técnico e económico", que son as de Laño, O Covelo e Pampaído.
"Evidentemente unha delas está no concello de Sanxenxo que mostrou a súa oposición e polo tanto o que se lle dixo foi ao concello de Poio, que é o competente en materia de saneamento, que identificase unha parcela dentro do seu ámbito municipal", concluíu.