Os estudos técnicos realizados por Augas de Galicia confirman que a ampliación da depuradora dos Praceres é a opción de "menor impacto" territorial e a que ofrece "maiores garantías" para o saneamento da ría de Pontevedra. Así o asegurou a súa directora, Teresa Gutiérrez, que este xoves compareceu no Parlamento galego.
Na súa intervención, a directora de Augas de Galicia avanzou que o plan de saneamento local da ría de Pontevedra está "practicamente rematado" e ten xa definidas as principais propostas e actuacións necesarias, sobre as que está xa a traballar a Xunta de Galicia.
De acordo con este plan, engadiu Gutiérrez, o goberno galego iniciará proximamente as obras de mellora do proceso depurativo dos Praceres cun orzamento de 16 millóns de euros e a continuación a construción do novo emisario submarino, licitado por 12 millóns de euros.
A estes investimentos sumaranse os 50 millóns que prevé destinar a ampliar a depuradora de Pontevedra, proxecto que xa ten iniciada a súa tramitación ambiental e que é necesaria, segundo a dirixente deste organismo, para incorporar os procesos de eliminación de nitróxeno e fósforo e para dar cumprimento ás esixencias europeas e garantir o futuro da ría.
A este respecto, engadiu que a Xunta buscará a "mellor solución" desde un punto de vista técnico, económico, social e ambiental, intentando "minimizar" os impactos ambientais e sociais e protexendo a ría e os seus sectores produtivos.
Teresa Gutiérrez, ademais, desbotou a proposta do BNG para estudar como alternativa a esta ampliación a construción de pequenas estacións depuradoras.
A directora de Aguas de Galicia salientou que iso obrigaría a modificar a configuración completa dos sistemas de saneamento de todos os concellos que actualmente dirixen ás súas redes á depuradora dos Praceres, e que esta requiriría, igualmente, dunha ampliación para dar servizo á poboación de Pontevedra.
Esta intervención foi debido á preguntada formulada polo deputado Luis Bará sobre a actual situación do plan de saneamento da ría de Pontevedra e as previsións para construír novas depuradoras para mellorar a rede separativa dos concellos que verten nos Praceres.
Bará lamentou que a Xunta "pouco fixo" en materia de saneamento en Pontevedra e recordou que Augas de Galicia leva máis de doce anos xestionando a depuradora dos Praceres e aínda que "coñecían os problemas de funcionamento" non se corrixiron as deficiencias.
O parlamentario do BNG criticou que a Xunta manteña unha actitude "insultante" cos concellos afectados e non lles ofreza información algunha, a pesar de que algúns como o de Pontevedra "fixeron os deberes" nesta materia.
Recordou que a ampliación da depuradora ten unha "gran oposición" institucional e social e cualificou de "erro" que a Xunta non acepte estudar a construción de novas depuradoras, algo que para os nacionalistas sería unha solución "viable" para garantir a depuración da ría.
O goberno galego, asegurou Luis Bará, "colleu o camiño equivocado" con medidas que, na súa opinión, "non van solucionar o problema" e volveu a reclamar unha resposta "clara e contundente" sobre os vertidos do porto de Marín que están a afectar "gravemente" á depuradora pola acumulación de residuos.