Así son as intalacións formativas do Forga na Reigosa

Ponte Caldelas
07 de setembro 2015

O alcalde Andrés Díaz e técnicos do centro acordan explorar liñas de colaboración para unha maior utilización destas instalacións aprol da formación e o emprego en Ponte Caldelas

Visita ás instalacións do Forga na Reigosa
Visita ás instalacións do Forga na Reigosa / Concello de Ponte Caldelas

O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas, encabezado polo seu alcalde Andrés Díaz e a técnica municipal de emprego, realizou unha visita ás instalacións da Fundación para a Orientación Profesional, Emgrego e Formación en Galicia (Forga), ubicadas na parcela número 27 do parque empresarial da Reigosa, para coñecer o seu funcionamento e explorar liñas de colaboración para unha maior utilización deste centro aprol da formación e do emprego no municipio.

Á súa chegada foron recibidos polo delegado territorial do Forga, Luis Nodar, e a orientadora laboral Erundina Louro quenes se encargaron de amosar ás instalacións ao alcalde e os concelleiros dos tres grupos que conforman o equipo de goberno.

O sindicato nacionalista CIG puxo en marcha estas instalacións no ano 2011, en plena crise. Dispón de 900 metros cadrados de talleres, 90 de vestiarios, 60 de administración e xestión, 450 de aulas teóricas, 360 de instalacións e espazos comúns e 400 metros de campo de prácticas solar e de telecomunicacións.

Conta con certificados de profesionalidade, entre outros, administración e xestión, artes gráficas, servizos socioculturais, hostalería e turismo, informática, fabricación mécanica, e enerxía e auga.

A comitiva visitou o obradoiro de enerxías renovables, o de enerxía solar, electricidade, o módulo de asistencia no fogar, as aulas de formación teórica, onde puideron comprobar a idoneidade destas instalacións homologadas para impartir máis de medio cento de especialidades.

No transcurso da visita tanto os concelleiros como os responsables do centro avogaron pola formación, tanto de traballadores en activo como en situación de desemprego, como xeito de poder adecuar a cualificación profesional ás demandas de emprego que presenta nestes momentos o mercado laboral.

Ao rematar a visita, a intención expresada tanto por Andrés Díaz como polos concelleiros de AVP e do BNG é incrementar a aposta do Concello por facilitar cursos de formación aos desempregados empadroados no municipio coa intención de poder acceder aos distintos nichos de traballo que se podan ir producindo.

Tanto o alcalde como os responsables do Forga en Ponte Caldelas marcáronse como obxectivo traballar para crear un proxecto formativo que poda xerar sinerxias que contribúan a unir esforzos para poder afrontar cursos ou programas de formación e emprego que pola vía da colaboración acaden unha maior eficiencia ao servizo dos desempregados e dos traballadores en activo que precisen reciclarse ou acadar certificados de profesionalidade acorde coas necesidades do mercado.

Arquivado en