Os usuarios da contorna da praia da Panadeira poden contar, desde este luns, cuns novos aseos situados no acceso ao areal. Instalouse, de forma permanente un módulo prefabricado, co obxectivo de dar un mellor servizo aos usuarios da praia e do parque. Estes aseos veñen substituír aos servizos químicos que se instalaban cada tempada estival.
Trátase dun módulo cunhas medidas de 3,5 por 2,5 metros, equipado con inodoros, lavabos de cerámica e fotografías panorámicas da villa turística. A maior novidade é a adaptación da zona co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas existentes, para garantir un uso cómodo dos aseos por parte de persoas con mobilidade reducida.
Tras solicitar unha autorización sectorial ao servizo de urbanismo da CMAOT (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio), dado que a instalación debía producirse nunha zona de servidume de protección do DPMT (Dominio Público Marítimo Terrestre), concluíuse a obra cun orzamento total de 17.600 euros, segundo expón o Concello de Sanxenxo. Trátase dun proxecto enmarcado no Plan Concellos 2017.
O goberno local de Sanxenxo solicitou á Deputación máis módulos de aseos para seis praias do municipio. O obxectivo é que máis de 132.000 euros sexan investidos na instalación de módulos para socorristas e aseos nas praias da Lanzada, Bascuas, Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Silgar.