As últimas chuvias, un "espellismo" que obriga a seguir contendo o consumo de auga

Pontevedra
24 de agosto 2022

Pontevedra segue en prealerta pola seca. As chuvias que caeron a semana pasada foron un "alivio insuficiente" para o caudal do río Lérez, segundo explicou a concelleira responsable do Ciclo de Auga, Carme da Silva, que lamenta que os efectos dese "espellismo" xa pasaron

Carme da Silva, edil responsable do Ciclo da Auga
Carme da Silva, edil responsable do Ciclo da Auga / Concello de Pontevedra

Pontevedra segue en prealerta pola seca. As chuvias que caeron a semana pasada foron un "alivio insuficiente" para o caudal do río Lérez, segundo explicou a concelleira responsable do Ciclo de Auga, Carme da Silva, que lamenta que os efectos dese "espellismo" xa pasaron.

As precipitacións permitiron que subira o nivel do río durante uns días pero agora xa volve estar nos niveis anteriores a ese episodio de choiva. Así, segundo os datos técnicos, o caudal medio do río está actualmente nos 1,45 metros cúbicos por segundo.

"As presas que hai auga arriba seguen cheas e entre todas suman unha boa cantidade de auga, polo que haberá que ir ver como evoluciona e como podemos ir facendo", indicou Da Silva.

Con respecto ao consumo, na semana do 9 ao 15 de agosto foron consumidos, de media, 37.650 metros cúbicos ao día; mentres que na seguinte do 16 ao 22, o consumo baixou "tal e como era previsible", ata os 36.606 metros cúbicos ao día.

No caso concreto de Pontevedra, o consumo medio da semana pasada foi de 14.826 metros cúbicos ao día, no primeiro período; e de 14.667 metros cúbicos ao día, no segundo.

"Nótase que se está a facer un esforzo á hora de conter o consumo e mesmo reducilo", explicou a edil, que indicou que os únicos concellos que subiron o consumo foron Sanxenxo e Bueu, este último porque podía facer uso de mananciais propios que agora están case secos.

O goberno municipal, polo de agora, non contempla cambios nas medidas para diminuír o consumo de auga, aínda que segue estudando con cautela os que poderían chegar no futuro, no caso de que o río baixe dos 1,17 metros cúbicos por segundo. 

Da Silva quixo tranquilizar aos cidadáns asegurando que, polo de agora, o río Lérez ten auga para garantir o abastecemento á poboación e que a auga do Pontillón foi analizada para comprobar a súa salubridade no caso de ter que recorrer a ela. 

De cara aos próximos días, o Concello manterá unha xuntanza con preto dun centenar de grandes consumidores de auga, sobre todo institucións públicas, para trazar un plan de actuación ante posibles cortes na subministración.

Desta situación quedarían excluídos os chamados consumidores vulnerables, como o Hospital Montecelo, que precisa ter auga en todo momento, e aos que se lles garantirá o servizo chegado o caso de que a situación mude e a seca empeore nas próximas semanas.

Arquivado en