As obras da A-57 provocan cortes de tráfico no acceso da AP-9 en Figueirido

Vilaboa
10 de xullo 2024

O corte comezará ás 8.00 horas da mañá deste mércores e terá unha duración aproximada de tres meses. Para minimizar o impacto nos condutores, deseñouse un itinerario alternativo para os vehículos procedentes da AP-9 que se queiran incorporar á N-550 sentido Redondela 

Cambios no tráfico no acceso da AP-9 en Figueirido
Cambios no tráfico no acceso da AP-9 en Figueirido

As obras do primeiro tramo da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Pontevedra) provocarán a partir deste mércores 10 de xuño unha serie de afeccións ao tráfico que deben ser tidas en conta polos usuarios da autoestrada AP-9.

Estas obras que executa o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible inclúen a remodelación da ligazón de Figueirido entre a N-550 e a AP-9 e, para poder realizalo, haberá un corte do tráfico no ramal de ligazón desde a AP-9 sentido Redondela.

O corte comezará ás 8.00 horas da mañá deste mércores e terá unha duración aproximada de tres meses, sempre que o permitan as condicións meteorolóxicas.

Para minimizar o impacto nos condutores, deseñouse un itinerario alternativo para os vehículos procedentes da AP-9 que se queiran incorporar á N-550 sentido Redondela (sur), que estará debidamente sinalizado.

Os usuarios da AP-9 deberán tomar o desvío provisional a través do carril interior da futura glorieta, cruzar a estrutura sobre a N-550, percorrer a glorieta ao lado oeste e utilizar o ramal da ligazón sentido Pontevedra para incorporarse á N-550.

A continuación, terán que realizar un cambio de sentido en Ligazón de Bértola coa EP-0002 para incorporarse á N-550 en sentido Redondela. 

O ministerio xustifica esta medida coa necesidade de "garantir a seguridade dos traballadores e usuarios".

Arquivado en