As medidas adaptadas polo Concello de Pontevedra para loitar contra a seca que está a vivir o municipio levaron a reducir un 78% a auga que se emprega para o baldeo de rúas e prazas.
Así o deu a coñecer este mércores o Concello de Pontevedra, que indica que o río Lérez logrou acadar certa estabilidade no seu caudal ecolóxico, pero é preciso seguir divulgando en materia de prevención e continuar concienciando no uso excesivo da auga, sexa a través das instalacións públicas ou das privadas.
A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, explica que nun verán normal, o Concello gastaba unha cantidade aproximada de 32.000 litros de auga ao día nesta actuación e agora mesmo só se están a consumir 7.000 litros de auga ao día.
Da Silva tamén deu orde ao servizo municipal para preparar as condicións de baldeo durante as Festas da Peregrina. Nun ano pre pandemia os baldeos consumían uns 42.000 litros de auga ao día, sumando os manuais e os mecánicos, pero este ano vanse reducir un 60 %, baixando ata os 15.000 litros ao día.
CANTEIRA DE VENTOXO
A concelleira responsable deste departamento tamén sinala que o Concello ve con bos ollos a proposta da Xunta de Galicia á hora de usar a reserva de auga da canteira de Ventoxo, sempre que esa auga teña as condicións que permitan garantir o ecosistema natural do Lérez e non lle afecte de xeito negativa á vida do río .
"Cremos que pode ser unha boa proposta de continuar o estado de seca", sinalou a edil, que insiste en que o uso das diferentes presas para regular o caudal ecolóxico do río tamén coincide co de Augas de Galicia, pero o que pide o Concello é que as actuacións sobre elas se fagan coa máxima precisión posible.