As familias do persoal de Elnosa van concentrarse ante o Concello o sábado 17 de xuño

Pontevedra
07 de xuño 2017

Traballadoras e esposas de traballadores queren visibilizar a situación de incerteza que están a vivir ante a posibilidade do peche da factoría. Aseguran que están sufrindo o acoso do alcalde e do goberno local de Pontevedra a quen acusan de non apoiar o emprego nun municipio con 7.000 parados

Rolda de prensa de traballadoras e mulleres de traballadores de Elnosa
Rolda de prensa de traballadoras e mulleres de traballadores de Elnosa / PontevedraViva
As familias do persoal de Elnosa vai concentrarse para reclamar a continuidade da cloreira /

Dúas traballadoras de Elnosa e a muller dun traballador desta factoría, acompañadas por Leila Piñeiro, representante da Federación de Industria de Comisións Obreiras, quixeron manifestar este mércores a preocupación que viven ante a posibilidade de que a clorera situada en Lourizán peche o 17 de decembro, data na que finaliza a concesión dos terreos que ocupa en Lourizán. 

Por este motivo decidiron levar a cabo unha concentración protagonizada polas familias dos traballadores de Elnosa ante o Concello de Pontevedra o vindeiro sábado 17 de xuño, entre as 11.00 e as 12.00 horas.

Con este acto de protesta queren manifestar a súa oposición á conduta do goberno local e do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acusa de non defender os postos de traballo en Pontevedra. "A nosotras también nos gusta disfrutar del mar, de la montaña y de nuestros hijos. Somos personas que vivimos y queremos disfrutar de Pontevedra y estamos cansados del acoso, del desamparo y de las mentiras", indica indignada a portavoz deste colectivo, María Jesús González, ante o que consideran a "desfachatez del alcalde de Pontevedra, que nos dice que nos vayamos a Portugal". 

Estas mulleres teñen como referentes aos alcaldes de Sestao e de Torrelavega onde se mobilizaron a favor da permanencia de empresas, mentres que entenden que Fernández Lores "mente" sobre a empresa cloreira e abandona ás 60 familias ás que  a factoría dá traballo cando "con 7.000 parados en Pontevedra non se pode permitir ese peche".

Indican que a firma portuguesa, dona de Elnosa, ten previsto o cambio tecnolóxico para deixar de utilizar mercurio no proceso de elaboración do cloro e sinalan que os cidadáns deben entender que a actividade da factoría é "limpa".

Aseguran tamén que a concentración non é só contra o Concello, a quen pide implicación, senón tamén contra a burocracia, na que inclúen a outras administracións como a Xunta de Galicia, por non atopar solucións para a empresa situada na ría, alegando que na marcha contra Ence e Elnosa da APDR só había políticos e non mariscadores que viven da produción marítima.

Arquivado en