As entidades de Lourizán piden información oficial sobre a ampliación da depuradora dos Praceres

Pontevedra
22 de xuño 2018

Iníciase desta maneira a folla de ruta aprobada na Asemblea veciñal celebrada o pasado 6 de xuño e que puxo de manifesto a gran preocupación que existe na parroquia ante as noticias que falan da ampliación da depuradora dos Praceres así como a oposición frontal da veciñanza a esta posibilidade

Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra
Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra / Mónica Patxot

A Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres vén de solicitar sendas entrevistas cos máximos responsables, tanto de Augas de Galicia como do Concello, Roberto Rodríguez Martínez e Miguel Anxo Fernández Lores respectivamente, para ser informados da ampliación da estación depuradora de augas residuais.

A plataforma está conformada pola práctica totalidade das entidades parroquiais que se uniron para loitar contra unha posible ampliación da depuradora: ANPA CEIP A Carballeira, Asociación Folclórica Pousos de Area, Asociación Rural de Mulleres Estribela – Lourizán (Armel), Aveloplan, Asociación de Veciños Pontemuíños, Asociación de Veciños San Andrés, Comisión de Festas, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourizán, Plataforma na Defensa da Praza dos Praceres e San Andrés C.F.

Iníciase desta maneira a folla de ruta aprobada na asemblea veciñal celebrada o pasado 6 de xuño e que puxo de manifesto a gran preocupación que existe na parroquia ante as noticias que falan da ampliación da depuradora dos Praceres así como a oposición frontal da veciñanza a esta posibilidade.

Esta plataforma lembra que a EDAR é unha instalación moi problemática dende a súa construción, porque se atopa en dominio público marítimo terrestre, moi preto das casas e, sobre todo, polos prexuizos que causa á veciñanza, "con malos cheiros, con espuma que desborda continuamente e acaba nas casas ou polo seu mal funcionamento, que conleva que periodicamente se abran as portas e se dane o banco marisqueiro".

Por iso, para os veciños, "duplicar a depuradora é duplicar o problema e os prexuízos".

Os representantes veciñais esperan ser convocados a estas entrevistas nun prazo breve.

De Augas de Galicia esperan recibir información de cales son as intencións reais da Xunta de Galicia respecto á ampliación da depuradora e as alternativas que manexa. Do Concello de Pontevedra, que representaba á vecindade de Lourizán na mesa do plan de saneamento da ría de Pontevedra, a intención é que o alcalde informe do referido á ampliación da depuradora, "xa que ata o momento non se informou aos veciños dos temas tratados nesa mesa, e da postura do goberno municipal sobre esta hipotética ampliación".