A suspensión de licenzas para crematorios durante un máximo dun ano aprobada polo pleno da corporación municipal de Pontevedra debuxa un novo escenario para as empresas funerarias.
Nos últimos días, tres delas, Funespaña, Santa Lucía-Albia e San Marcos, alcanzaran un acordo para a explotación conxunta dun crematorio único, faltaba a firma Alianza e Barros polo que esixían ao concello unha marxe dun mes para cristalizar este acordo e tramitar os permisos de construción dun único crematorio.
Trala suspensión cautelar aprobada hoxe, os portavoces de Funespaña e San Marcos, os empresarios Pedro Valencia e Juan Perdiz, respectivamente, sinalaron que "o que temos que facer agora é analizar entre as tres partes a decisión tomada".
"Queríamos que esa moratoria se atrasase para seguir negociando coa outra empresa que queda. Esixiámola, dentro desa folla de ruta que sinalou Antón Louro", apuntou Juan Perdiz.
Estes empresarios insistiron en que Pontevedra "é a única cidade española de máis de 50.000 habitantes que non ten crematorio", un servizo que entenden necesario para a capital. Polo tanto ante o novo escenario entre as súas alternativas figura a posibilidade de dar servizo á cidade do Lérez desde un dos municipios veciños.
"Estudaremos si a alternativa a Pontevedra é factible ou non e si non, terémonos que ir incluso fóra da cidade", afirmou Perdiz.
"Estudaremos si a alternativa a Pontevedra é factible ou non e si non, terémonos que ir incluso fóra da cidade", afirmou Perdiz
En todo caso o director xerente do Tanatorio San Marcos asegura que "seguiremos pelexando, pero sempre chegando a acordos co concello e cos veciños", insistindo en que "nosostros o que non queremos é ningún tipo de guerras, pero é unha necesidade para Pontevedra que teña un crematorio".
De onte a hoxe variou sustancialmente o escenario, coincidiron en sinalar, de momento acordaron "que fose o concello o que trasladase á opinión pública as decisións tomadas", pero a partir de agora "as tres partes volverémonos a reunir e faremos a valoración cando estudemos o que se aprobou", anunciou o responsable de Funespaña, Pedro Valencia.
Estes empresarios tamén asistiron ao Pleno xunto aos veciños das zonas afectadas polos cinco proxectos en marcha.