As comunidades de montes de Pontevedra, dispostas a beneficiarse da planta de compost

Pontevedra
04 de febreiro 2015

Para poder fabricar o compost, a planta necesita o que se denomina estruturante, é dicir restos de poda e residuos vexetais. Os comuneiros pontevedreses están dispostos a facilitarllo, a cambio de que os responsables da planta limpen os seus montes, segundo avanzou César Mosquera

Montes de Verducido
Montes de Verducido

César Mosquera avanzou este mércores que "practicamente todas" as comunidades de montes do municipio de Pontevedra se dirixiron ao goberno municipal para colaborar co proxecto da planta de compostaxe e beneficiarse do seu funcionamento. Os contactos teríanse producido nos últimos días e neles non participaron "obviamente" os comuneiros de Ponte Sampaio, os únicos que mostraron a súa oposición a esta iniciativa.

O edil do BNG explicou que estas conversacións se enmarcan nos traballos que, en relación ao funcionamento da planta de compost, está a realizar o Concello de Pontevedra.

Neste sentido, as comunidades de montes terían mostrado a súa disposición de chegar a un acordo para poder beneficiarse deste proxecto. Para poder fabricar o compost, a planta necesita o que se denomina estruturante, é dicir restos de poda e residuos vexetais. Os comuneiros pontevedreses están dispostos a facilitarllo, a cambio de que os responsables da planta limpen os seus montes.

Estas tarefas de limpeza son moi custosas para as comunidades de montes que, desta forma, aliviarían as súas respectivas situacións económicas. Calcúlase que, de media, asumir esta responsabilidade supón uns 100.000 euros para cada colectivo.

Mosquera negou que con esta medida o Concello pretenda "comprar" a vontade dos comuneiros pontevedreses. Recordou que, dende o ano 2006, o goberno municipal consciente da importancia ambiental do monte comunal do municipio, investiu neles uns tres millóns de euros. Unha colaboración que continuará coa sinatura dun novo convenio, prevista para este venres, coa Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra.

Arquivado en