As comunidades de augas do lugar de Vilar, na parroquia de Ponte Sampaio, acordaron unirse á lista de colectivos que crearon nos últimos días unha plataforma conxunta para loitar contra a instalación na parroquia pontevedresa da Canicouva da planta de compostaxe que proxectan conxuntamente o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.
Unhas 200 persoas do lugar de Vilar e de outras zonas como Rañadoiro e Ponte Sampaio acudiron á reunión celebrada na noite do sábado na Casa do Pobo de Vilar para debater o proxecto. Logo dun intenso debate, todos amosaron estar dacordo na súa oposición á ubicación elixida polo Concello de Pontevedra para esta instalación.
"Nós non estamos en contra da planta, o que non queremos é que se poña onde din", sinalou unha veciña de Vilar ao término da reunión. Resume o sentir xeral dos veciños da zona, que queren deixar claro que non se opoñen a que se constrúa unha planta de compostaxe, pero parécelles que a ubicación elixida é moi prexudicial para eles e para moitos veciños de Pontevedra, Vilaboa e Ponte Caldelas.
Ao respecto, lembran que os terreos cedidos pola Comunidade de Montes da Canicouva ao Concello de Pontevedra para a planta están a tan só 500 metros da captación de auga das comunidades de augas de Vilar e moi próximos tamén aos mananciais dos que se nutren lugares como Rañadoiro e Ponte Sampaio. Hai en total unhas 500 casas directamente afectadas.
Á reunión acudiron veciños doutros lugares de Ponte Sampaio, pero o acordo adoptado de unirse á plataforma afecta só ás comunidades de augas de Vilar, que foron as que convocaron o encontro.
Agora todos teñen unha nova cita xa programada. Todos os colectivos que fan fronte común contra a planta da Canicouva realizarán unha reunión o vindeiro xoves 5 de febreiro ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Sampaio.