Aproban de forma provisional o novo Plan Especial do Porto de Marín

Pontevedra
26 de abril 2013

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo acaba de remitir á Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra a resolución pola que se aproba provisionalmente o Plan Especial de Ordenación do Porto. Confía en aprobalo definitivamente antes de verán, sempre o resto de administracións axilicen o seu visto bo

Imaxen aérea do Porto de Marín
Imaxen aérea do Porto de Marín /

O Porto de Marín está máis preto de contar por fin cun Plan Especial. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo acaba de remitir á Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra a resolución pola que se aproba provisionalmente o Plan Especial de Ordenación do Porto. Confía en aprobalo definitivamente antes de verán, sempre o resto de administracións axilicen o seu visto bo.

Dende a Consellería de Medio Ambiente trasládase esta decisión despois de analizar a totalidade do documento completo e as alegacións presentadas durante o período de información pública. En total presentáronse cinco alegacións, por parte de: Asociación pola Defensa da Ría, Concello de Pontevedra, Concello de Marín, Agrupación para a defensa de Marín e Asociación Plataforma Defensora Praza dos Praceres.

Tamén durante este período se solicitaron os informes perceptivos, solicitados á Deputación de Pontevedra, Puertos del Estado, Costas, á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Augas de Galicia, Ferrocarrís e Pesca, entre outros; e deu audiencia aos concellos implicados: Marín, Pontevedra, Bueu, Moaña, Vilaboa, Ponte Caldelas, Barro, Meis, Poio, Campo Lameiro, Soutomaior, Cotobade, Cangas e Sanxenxo.

De xeito paralelo, someteuse a avaliación ambiental estratéxica, emitíndose a Memoria Ambiental, aprobada por resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez que os técnicos de Urbanismo examinaron o proxecto, obsérvase a súa adecuación á normativa vixente, non apreciando inconvintes para a súa aprobación provisional, polo que se da traslado aos concellos de Pontevedra e Marín e á Autoridade Portuaria para que se pronuncien sobre o documento no prazo dun mes. O último dos pasos será a aprobación definitiva polo responsable do departamento con competencias en materia en urbanismo, que poderá realizarse antes do verán se os concellos e a Autoridade Portuaria axilizan o trámite anterior.

O PLAN ANTERIOR FOI ANULADO POR VIA XUDICIAL

Sobre o Porto de Marín pesan dúas sentenzas que anularon, respectivamente, o Plan Especial do Porto do ano 2000 e a Modificación do Plan Especial do ano 2005. Unha destas sentenzas obriga ademais a retirar uns 300.000 metros cadrados de recheos construídos ao amparo deste plan.

Este documento é necesario para a ordenación urbanística do sistema xeral portuario, e inclúe, entre outras determinacións, as medidas e previsións necesarias para garantir unha eficiente explotación do espazo portuario, o seu desenvolvemento, e a súa conexión cos sistemas xerais de transporte terrestre.