APDR lamenta que "gobernos corruptos" sigan instalando en Galicia fábricas como Altri ou ENCE

Pontevedra
06 de xuño 2024

Os detractores da fábrica de Ence en Pontevedra e da que pretende instalar Altri en Palas de Reis (Lugo) unen as súas forzas. Farano nunha nova edición da marcha anual contra Celulosas que organiza a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR). Será o vindeiro domingo 16 de xuño, a partir das 12:00 horas

Presentación da nova edición da marcha anual contra ENCE
Presentación da nova edición da marcha anual contra ENCE / PontevedraViva

Os detractores da fábrica de Ence en Pontevedra e da que pretende instalar Altri en Palas de Reis (Lugo) unen as súas forzas. Farano nunha nova edición da marcha anual contra Celulosas que organiza a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR).

Será o vindeiro domingo 16 de xuño, a partir das 12:00 horas, co seu formato clásico e os participantes saíndo desde as alamedas de Pontevedra e Marín para terminar concentrándose #ante as instalacións de Ence en Lourizán.

"Nin ENCE na ría, nin Altri na Ulloa" é o lema elixido este ano para esta marcha que, segundo o presidente de APDR, Antón Masa, "sen esquecer o obxectivo de sacar a Ence da ría" queren que sexa fundamental para "que non se chegue a instalar nunca a fábrica de Altri".

Ambas as problemáticas "son parte dunha mesma loita", sinalou Masa, que indicou que "o que non queremos para nós na ría, non o queremos para ninguén en ningún outro sitio".

Os procesos de fabricación de ambas as factorías, alertou o presidente de APDR, "son moi similares", polo que augura que Altri causaría "todos os problemas ambientais que se provocaron aquí", en río Ulla, na ría de Arousa e no Camiño de Santiago.

"É absolutamente incomprensible que se poida instalar unha fábrica como esta", sostivo Antón Masa, para quen é unha "falacia" os argumentos de que hoxe en día, coa sensibilidade ambiental que hai, non se podería instalar un complexo industrial como o de Ence.

Masa considera que "o que estamos vendo é que hai gobernos corruptos que seguen poñendo fábricas como estas", instalando unha nova en Palas de Rei ou ampliando a de Pontevedra. "Están optando por un modelo económico que vai directamente en contra dos intereses da sociedade civil", engadiu.

Desde APDR insisten en que "con Ence na ría non hai futuro para Pontevedra" e convocarán tamén  un debate no Edificio Castelao do Museo na que Jorge Rodríguez, profesor da Escola Superior de Arquitectura da Coruña, presentará a súa iniciativa para renaturalizar o espazo que ocupa a empresa pasteira. Será o mércores 12 de xuño, ás 19:30 horas.