Aparecen pintadas ameazantes no domicilio familiar do coordinador das brigadas provinciais

Pontevedra
29 de abril 2016

Dende a Deputación de Pontevedra non dubidaron en sinalar aos traballadores do parque de maquinaria como responsables destas accións contra o seu compañeiro

Pintadas ameazantes no domicilio familiar do coordinador das brigadas provinciais
Pintadas ameazantes no domicilio familiar do coordinador das brigadas provinciais

O domicilio familiar do coordinador das brigadas provinciais apareceu este venres cheo de pintadas acusándoo de "chivato", "cacero" e "corudo".

Os autores das pintadas deixáronlle tamén as rodas do coche sen aire e anunciaron nunha parede outra intimidación: "mañana más".

Dende a Deputación de Pontevedra non dubidaron en sinalar aos traballadores do parque de maquinaria como responsables destas accións contra o seu compañeiro.

Se nos últimos as pintadas eran contra o vicepresidente Mosquera, agora o conflito do parque de maquinaria ten consecuencias para o funcionario interino Jose Luis Galiñanes, responsable da coordinación das brigadas que se encargan do mantemento das vías provinciais. Estas brigadas traballaban ata fai pouco de xeito independente ao parque de maquinaria, que unicamente executaba asfaltados e outras actuacións en vías municipais.

A día de hoxe o traballo está organizado para que a maquinaria do parque se ocupe xunto coas brigadas das necesidades das vías provinciais e o funcionario ameazado é o que dirixe as actuacións dos grupos conxuntos de persoal.

Hai que lembrar que a folga e as protestas do plantel do parque de maquinaria xorde pola intención do novo goberno da Deputación de organizar de xeito "eficiente" o traballo e de "equiparar os conceptos retributivos entre os funcionarios de igual categoría, limitando o cobro de dietas e quilometraxe ao que se poida xustificar con documentos".

Os insultos e ameazas persoais contra un compañeiro e o vicepresidente Mosquera supoñen un paso máis alá na radicalización da situación, o que motiva que, como xa anunciou a presidenta, o goberno da Deputación estude a fórmula para iniciar as vías legais que defendan a súa integridade.

Sobre a autoría destas coaccións cabe destacar que o responsable de CC OO, José Ramón Piñeiro, afirmou o xoves que se a relación cos dirixentes do goberno provincial segue nesta liña "vai pasar calquera cousa grave porque non vai ser posible conter aos traballadores”, argumentación que volveu a repetir no día de hoxe.

Arquivado en