Anuncian mobilizacións contra o orzamento que acaba de aprobar a Deputación

Pontevedra
29 de decembro 2016

Os votos dos deputados do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego foron suficientes para aprobar definitivamente as contas da institución para 2016. O Partido Popular votou en contra e o deputado de Marea abstívose

Pleno da Deputación de Pontevedra / PontevedraViva

O sindicato Comisións Obreiras, maioritario na Deputación de Pontevedra, anunciou mobilizacións tras desestimar o Pleno da Corporación as alegacións que os traballadores presentaran ao orzamento provincial.

Os votos dos deputados do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego foron suficientes para aprobar definitivamente as contas da institución para 2016. O Partido Popular votou en contra e o deputado de Marea abstívose.

No seu defensa do orzamento o deputado responsable de economía, Carlos López Font, lembrou que está aberto un "proceso de diálogo y negociación" cos sindicatos no que, segundo dixo, "ya se ha avanzado" polo que asegura que todo vai "por muy buen camino".

O portavoz de Comisións Obreiras na Deputación, Ramón Piñeiro, alertou do recorte nas partidas que afectan os servizos públicos da institución e expresou o temor dos traballadores ante a falta de alternativa para o Parque de Maquinaria e a Imprenta que abandonarán a súa actual localización na Xunqueira de Alba para deixar libre estes terreos marítimo-terrestres de concesión de Costas. Unha cuestión pola que tamén preguntou o deputado de Marea, Xosé Lois Jácome.

Os traballadores cren que se trata dun intento de desmantelar eses e outros servizos para unha privatización posterior, unha hipótese fronte á que se mostran "totalmente contrarios".

ALEGACIÓNS DO PP

Igualmente as alegacións do grupo provincial do Partido Popular foron rexeitadas porque "técnicamente no se ajustan a la ley", segundo indicou Carlos López Font que tachou ao documento presentado polos populares de "un brindis al sol, falto de rigor", comparando as propostas do PP cunha "carta a los Reyes Magos" por non xustificar ningunha das partidas propostas, algo que achacou a que "todavía están un poco groguis tras la pérdida del gobierno en la provincia".

A portavoz do PP, Nidia Arévalo, acusou o goberno provincial de "facer o contrario do que predican" por "potenciar a contratación de empresas privadas", xerando un desequilibrio entre o rural e o urbano e potenciando un "clientelismo encuberto".

Finalmente chamou "machista" a López Font o que crispou o ambiente entre os deputados esixindo o propio afectado e o portavoz socialista, Santos Héctor, a "inmediata" retirada desta acusación.

Arquivado en