O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, recordou este xoves que a declaración da construcción da depuradora de Poio como "de interese xeral do Estado" polo goberno central demostra a "incompetencia e a falta de responsabilidade" do goberno de Luciano Sobral e implica que "ao PSOE e ao BNG acabáronselles as escusas para non facer a depuradora de Poio".
A decisión, anunciada pola conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na reunión sobre o saneamento da ría implica que a partir de 2018 será o goberno central quen licite e financie a depuradora mediante os presupostos xerais do Estado, independentemente da obriga do Concello de Poio a ubicar a depuradora.
Este cambio orzamentario non modifica as competencias do Concello sobre a depuración de augas residuais e a obriga do Concello de determinar o emprazamento da Edar, polo que este segue obrigado a concretar a ubicación e a dispoñibilidade dos terreos para esta infraestrutura dentro do seu termo municipal.
Moldes recorda que "o maior inimigo que ten o sector do mar en Poio é Luciano Sobral" e subliña que na reunión coas conselleiras e o sector na que se discutiu o maior problema de Poio non asistiu nin o alcalde nin a "alcaldesa accidental".
Para o PP, a decisión tamén "demostra a falsidade do paripé que intentaron montar BNG e PSOE cunha suposta denuncia contra a Xunta, táctica coa que Luciano Sobral esperaba gañar tempo e que agora quedou en evidencia".
Moldes recorda que o compromiso do PP segue a ser facer a depuradora "en canto se chegue á alcaldía" e explica aos veciños que "pronto terán a posibilidade de poñer na alcaldía a alguén con capacidade e vontade de solucionar o problema ou que sigan os mesmos culpables de poñer en risco o futuro da xente do mar de Poio".
CHELO BESADA
A tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada indicou que a Xunta de Galicia para "sortear" a denuncia feita polo goberno de Poio para que se cumpra o plan de saneamento da ría, "incluíu á depuradora Raxó-Sanxenxo, que é como se denomina" nos Orzamentos do Estado como obra de interese xeral e "forzar a localización en Samieira no medio do pobo que o Concello rexeita".
"Non contaban co cambio de Goberno e agora, afortunadamente, non está nas súas mans seguir manipulando e xogando con este tema", di Chelo Besada que cre que "co novo goberno socialista Poio será escoitado e servirá para resolver este problema dunha vez por todas".
"Ata agora xogaban e manipulaban coa depuradora de Poio para tapar o absoluto desastre da xestión da Xunta na ría de Pontevedra e culpar a Poio da contaminación a pesar de ter unha depuradora que non depura máis de 100.000 usuarios e que agora van arranxar, segundo din", declarou a tenente de alcalde socialista.
Para Chelo Besada que este tema pase a mans do goberno central "é unha oportunidade para que se escoite aos veciños de Poio e solucionar este problema de forma definitiva, sen ameazas, sen bloquear proxectos en marcha como os da fronte costeira de Raxó e Covelo".
Neste sentido, a tenente de alcalde insta a Portos de Galicia a que, "agora que non depende deles" cumpra os compromisos adquiridos e executen os proxectos pendentes.
Finalmente pídelle ao portavoz de grupo municipal do Partido Popular Ángel Moldes "que se pon de perfil defendendo os intereses da Xunta e non os dos veciños de Poio" que diga "si está de acordo en situar a depuradora no medio das casas en Samieira ou apoia ao Concello".