O PP de Pontevedra rexistrou, a través dos seus deputados no Congreso, Ana Pastor e Diego Gago, senllas preguntas reclamando ao goberno de Pedro Sánchez que "aclare o seu anuncio sobre a imposición de novas peaxes nas autovías e que informe aos pontevedreses sobre cales serían as autovías afectadas na provincia e a canto ascendería o importe para abonar por cada usuario pola utilización das mesmas".
Os deputados nacionais do PP de Pontevedra mostraron a súa preocupación sobre "o prexuízo que supoñería para os propios usuarios, para o transporte comercial, así como para a chegada de turistas, o anuncio de posible implantación de peaxes nas autovías da provincia" e esixiron ao presidente do Goberno que "non encareza máis as comunicacións coa capital e o resto da Meseta".
Así mesmo, Ana Pastor tamén pediu ao goberno "Cal é o grao de execución do tramo Vilaboa – A Ermida?" das obras da autovía A-57 "necesarias para a construción da circunvalación de Pontevedra".
Finalmente, a exministra pontevedresa tamén pregunta "Cal é a data prevista de finalización, tendo en conta que as obras comezaron en outubro de 2015 cun prazo de execución de 40 meses?".