A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reuniuse este venres coa Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres, na parroquia de Lourizán, e coñeceu de primeira man o espazo no que a Xunta de Galicia proxecta ampliar a actual EDAR. Unha vez que coñeceu a súa situación, comprometeuse a levar o tema ao Parlamento Europeo.
Ao remate da xornada de traballo coa plataforma, a eurodeputada sinalou que Pontevedra precisa unha ría limpa e produtiva e "o Bloque non pasa por menos dunha boa calidade de vida en cada parroquia do país". Por iso é polo que a veciñanza de Lourizán "vai ter o BNG sempre ao seu carón".
Ambas as dúas partes estudaron as posíbeis vías de colaboración no tempo máis inmediato e para o futuro e Ana Miranda comprometeuse a concretar na vindeira semana os acordos cunha iniciativa parlamentar europea e volver reunirse coa plataforma a comezos de ano.
Desde a plataforma queren agradecer publicamente "tanto a súa predisposición e amabilidade, como o apoio e a solidariedade mostrada coa veciñanza e a súa loita" e o seu compromiso de denunciar ante o Parlamento Europeo tanto a futura ampliación como o proxecto de emisario submarino polos seus aspectos negativos.