Ana Cedeira, sobre o recurso que o Concello estuda presentar á sentenza de Ence: "A nivel xudicial pouco ten que facer"

Pontevedra
09 de marzo 2023

Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais de Ence, afirma que os traballadores da entidade pasteira "estamos moi contentos" ao tratarse dunha sentenza firme que fixa xurisprudencia. Sinala que no están preocupados polo voto discordante na resolución e pide a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que especifique canto costará o recurso aos fondos públicos

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán

Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais de Ence, en representación do persoal da factoría situada en Pontevedra afirma que "estamos moi contentos" ao coñecer todo o contido da decisión adoptada polo Tribunal Supremo que permite á fábrica permanecer en Lourizán ata 2073.

Argumenta que é unha "sentenza firme e fixa xurisprudencia polo órgano máis alto e todos os recursos que caben son extraordinarios". Neste sentido, asegura que os traballadores "estamos moi tranquilos" ao ler os argumentos do Tribunal Supremo e explica que "malia que haxa un voto particular discordante, a sentenza a favor de cinco contra un está axustada a dereito".

Ana Cedeira, como número dous de Pontevedra alternativa e cidadá de Pontevedra, expón tamén que lle parece "un despilfarro" que o Concello de Pontevedra recurra a instancias máis altas. Reclámalle a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do municipio, que diga "canto custa o proceso porque non será nada barato e non creo que todos os pontevedreses estean de acordo con este despilfarro de fondos públicos".

Sinala tamén que a retirada de Ence da ría pontevedresa "foi o argumento bandeira dos programas do BNG nos últimos 20 anos caera quen caera e a calquera prezo" e explica que entende "que teña que seguir enrocándose con este tema pero a nivel xudicial pouco ten que facer". Cedeira sentenza asegurando que "aquí toca gobernar para todos e non só cos que comparten as túas ideas".