O grupo Aludec decidiu trasladar de Vigo á Reigosa as súas oficinas centrais e a nave de produción de montaxe e serigrafía. Este grupo xa conta no polígono do Campiño en Pontevedra con catro naves de produción: Aludec Stamping, Aludec Saxonia e dous de Aludec Inyección.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu a pasada semana os representantes de Aludec, S.A., que presentaron xa o proxecto para unha nova nave na parcela número 1 do Parque Empresarial da Reigosa para a súa nave de fabricación e montaxe de compoñentes para o automóbil. Ademais tamén presentaron o proxecto para establecer na mesma parcela as súas oficinas centrais.
De acordo co proxecto presentado agora, a nova nave ocupará unha superficie de 7.176 metros cadrados. Prevese un investimento na nave, incluída maquinaria e instalacións de 1.541.518 euros. Pola súa banda, o edificio de oficinas que se situará na esquina da mesma parcela número 1 terá unha superficie en planta de 1.176 metros cadrados con soto para garaxe, baixo e 2 plantas. O investimento neste edificio de oficinas ten un presuposto de 1.429.232 euros.
Os responsables de Aludec, informaron o alcalde que o seu obxectivo é que esta nave inicie tamén a súa actividade en verán de 2015, para o cal pretenden iniciar as obras de inmediato, de feito xa comezaron o acondicionamento da parcela coa correspondente autorización municipal.
O alcalde garantiulles que por parte do Concello se axilizarán ao máximo todos os trámites administrativos para que poidan contar canto antes coas correspondentes licenzas.